O peso do galego

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

15 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Non deixamos de darlle voltas á situación do galego. Continuamente atópome con posicións e opinións enfrontadas. Hai a quen lle parece que está fatal e quen porfía que nunca viviu mellor ca agora. Os datos tampouco son claros.

O Barómetro das Linguas do Mundo dálle un respiro ao galego. Mellora trece postos con respecto á medición anterior, hai seis anos. Das case 650 linguas consideradas no informe, o galego está no posto 37, segundo o seu peso. É para reflexionar.

Entendo que este posto responde a medicións do uso do galego no campo da ciencia, da tecnoloxía, das artes, das redes sociais, da cultura... Non teño a mínima dúbida de que a nosa lingua é válida e marabillosa para usar en todos os ámbitos. Pero... que pasa nos fogares galegos? Vimos de constatar (porque saber xa o sabiamos) que a maior parte da poboación galega dá preferencia ao castelán sobre o galego. Ou sexa, que o peso do galego non é o prioritario. De portas cara a dentro, o castelán cómelle as papas. Ou o que é o mesmo, que o galego da rúa, da vida cotiá, non é a lingua con preferencia nas nosas vidas. E isto é equivalente a non usalo, porque adoitamos falar unha soa lingua.

O valor que se lle dá fóra á nosa lingua pode facernos ver que contamos cun tesouro. Ás veces pasa así, que nos teñen que ensinar desde lonxe o que temos ao noso carón. O malo é que tamén hai outra versión, que é a de darlle o valor ás cousas unha vez que xa non as temos. Daquela sería unha situación irreversible. Aínda estamos a tempo.