División, dimisión

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Europa Press | EUROPAPRESS

10 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

DiVisión ou diMisión. Cambia só unha letra, pero pode darlle a volta á tortilla se nos descoidamos. Ás veces, unha dimisión a tempo evita divisións, incluso múltiples, si. Do mesmo xeito, as divisións continuas poden provocar dimisións.

Falar disto lévanos, inevitablemente, ao plano político. Exemplos temos varios, de distintas cores. Non é preciso buscar situacións concretas porque a todos se nos veñen moitas á cabeza. Pero se saímos deste círculo de poder e nos achegamos á sociedade, observaremos absolutamente o mesmo.

Acaba de pasar o 8M. Cantas manifestacións distintas houbo na rúa? Cantas enfrontadas unhas a outras? Entendo que non haxa unha postura única e común, pero facer as cousas deste xeito, marcando a división e as fendas profundas, dan ganas de dimitir. De dimitir de manifestarse, de dimitir de explicar, de dimitir de pelexar, de dimitir de forzas, de dimitir de loitar.

E non pode ser.

Con tanta partición o que se provoca é o efecto contrario ao buscado. A unión fai a forza, a discordia, debilita. Divide, entón, e vencerás.

Non podemos deixarnos derrotar. Hai que ser valentes. Isto pode significar a renuncia, buscar acordos, facer concesións... usar os recursos necesarios que nos permitan xuntar forzas. Pode que sexa necesario chegar ao extremo da dimisión, pero non no sentido de afastarnos ou abandonar as causas xustas, senón de botarnos a un lado para que outros transiten pola consonancia. Se levamos anteolleiras, coma os cabalos, quizais non poidamos ver o camiño.