Marzo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro EL PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Salas | EFE

09 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Marzo está no medio de todas partes. É un mes que parece que estorba, pero non. Que entorpece o paso, e tampouco. Os que conservan a alma adolescente agardan por abril, que é o período máis pernicioso do ano: alerxias, namoramentos que duran o que dura un alalá, chuvias inesperadas, neve en forma de Neruda (Yo estaré tan lejano que tus manos de cera/ ararán el recuerdo de mis ruinas desnudas./ Comprenderás que puede nevar en primavera/ y que en la primavera las nieves son más crudas). Marzo é un mes que case ninguén agarda con impaciencia, nin os pais, nin os Pepes do dezanove. E cando chega, un non sabe se mirar cara ao maio florido, o verán intenso en praia ou prado, ou con nostalxia recordar as luces do Nadal e as cancións de Raphael. Hoxe é un xoves de marzo. Nove: un xoves calquera. Personaxe secundario que non aparece nos títulos de crédito nin na banda sonora da vida. Porén hai noves que se converten en matrícula de honor e outros que declinan, como xílgaros, as notas lindas da existencia. Un existe por costume e cando quere escapar (das rutinas) resulta que quizá sexa tarde. A vida non se detén por ti. Tes que ir tras ela. Atrapala. Gozar os minutos como se fosen os últimos. Insistir nas boas noticias. Saber que hai xente que te quere. Que elevaría un canto ao sol, sonata ou danza, por verte sorrir. Que te abrazaría como ti queres abrazala. A vida non debe ser complicada, aínda que a compliquemos. Respirar, ir gozando, algunha lágrima. E esperanza. Quizá marzo é un bo mes para a esperanza. É a primeira vez que o penso e felicítome pola idea. Almacenarei marzo como o tempo máis luminoso da terra. Quizá só teñen luz os seres que, efectivamente, esperan.