Coresma

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Joaquin Corchero | EUROPAPRESS

02 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entramos na Coresma. Son corenta e seis días consagrados á penitencia na relixión católica. O mércores de cinza, hai unha semana e un día, comezou este período que se prolongará ata o día de Pascua. Cada vez rezamos menos. Ou non. Mesmo algún agnóstico de cando en vez pregunta que hai máis alá. Iso que os galegos denominamos o alén. Dende os inicios, o ser humano meditou cuestións ontolóxicas: as orixes, o devir, o oculto. Para min segue a ser un libro imprescindible A rama dorada, un estudo sobre maxia e relixión de James George Frazer. É un texto enciclopédico. Chegou a ter doce volumes, pero a versión que coñecemos a maioría dos lectores é o resumo que o propio Frazer realizou en 1922. Unha obra magnífica. Pura sabedoría. No libro aprendemos que hai moitos elementos comúns en todas as relixións. Mitos, lendas, tradicións, e un interés intenso sobre a condición humana ao longo da historia. Se vostede non leu este libro extraordinario, está a tempo de facelo. A Coresma é tempo idóneo para tal mester. Non perderá vostede as horas, senón que as ganará. Hai libros dos que un sae distinto a como entrou. Este é un deles. A miúdo esquecemos os interiores, a reflexión. Todo semella inmediatez e celeridade. É unha época electrónica esta que vivimos. A intelixencia artificial xa forma parte das nosas vidas. Eu pregúntome onde chegaremos. En ocasións sinto que este tempo non é o meu. Hai días que pasan con resignación, observando os avances do presente (tamén os seus delirios e frialdades). Porén, quizá todo está escrito. A nosa historia, a humana, probablemente ha de repetirse século tras século. Ler a Frazer consólame nos días tristes. Esta Coresma hei de volver con el.