Debate envelenado

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Alberto Ortega | EUROPAPRESS

01 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai declaracións que se fan tan só por desviar a atención, non teño dúbida. Un ataque como o da ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030 a un dos maiores empresarios do país, asegurando que se está a enriquecer escusándose na inflación, sen datos concretos, estudos minuciosos e exemplos claros... é unha bóla de lume que só serve para provocar un incendio.

A cesta da compra encareceuse unha barbaridade. Pero non só ocorre isto nunha das grandes cadeas de supermercados do país, é un problema xeral. E esa é, en realidade, a verdadeira cuestión. Que conseguimos con estes globos incendiarios? Trasladar o debate a outro lugar. Así, uns e outros comezan a aparecer nos medios defendendo ao empresario ou á ministra. E cando o tema xa se converte en delirio, comezan a escribirse liñas sobre o que almorza un ou o que gasta en estética outra. Dá igual que ministra sexa, non se preocupen. E mentres, o problema da inflación segue afectando a todos os fogares, en especial aos máis modestos. E os violadores van vendo reducidas as súas penas. A lei está ben, o problema é que hai ricos.

Non esquezamos a onde hai que dirixir o escrutinio. O que ten que preocuparnos é como podemos vivir nós, non como o fan os demais. Pregúntese. Vostede, que tal vive? Conseguir a mellor resposta é a cuestión.