O prezo da credibilidade

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

26 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Renunciou a calquera indemnización e entón crérona. Os máis escépticos deixaron penetrar a incógnita no seu cerebro. Agora si, quizais Dani Alves violara unha moza. Que derrota tan grande a nivel social, que decepción. Non avanzamos o suficiente. Logo da Manada, o «eu si te creo» e o «eu tamén», seguimos no punto de partida. Non cremos ás mulleres, agochados na presunción de inocencia dos homes, como se fosen excluíntes. Nada máis lonxe! Para quen continúe atrapado nesta lea, que pasa coa presunción de inocencia da muller? Por que se acusa de falsidade ou traizón? Onde está aquí o dereito para ela?

Mentireira, mentireira, mentireira! Óense os berros saíndo dos ollos, nas miradas acusadoras, na desconfianza que viste a actitude de quen a escoita.

Nós non temos que xulgar nin a un nin a outra, diso encárganse os responsables da xustiza. Pero, por que a un se lle aplica un criterio e a outra non? É máis. Como é posible que medre a credibilidade dunha posible vítima por renunciar a unha indemnización? É o seu dereito. Non pediu nada. Pero, se quere optar á dúbida, ten que privarse diso. Non pasa con outros delitos, con outras vítimas. Só nas violacións, en contra das mulleres. Que desengano, que fracaso de avance social. O súper-famoso xogador non ingresou no cárcere porque unha moza lanzase ao aire unha acusación. Acabou así porque unha xuíza atopou indicios de comisión de delito. Con todo, a sombra da sospeita recaerá sempre nela.