Manuel Fraga Iribarne no seu centenario

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

El dictador cubano Fidel Castro, de origen gallego, visita Galicia.
El dictador cubano Fidel Castro, de origen gallego, visita Galicia. Archivo

24 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin coñecín ni tratei a Fraga. Foi un político notable agromado nun réxime deplorable. Tivo moita capacidade para adaptarse aos cambios e pouca para promovelos, como é propio dun conservador que nunca foi progresista. Tivo ideas estratéxicas fortes e estableceu os medios para levalas a cabo, o que o diferenza doutros que o sucederon.

Pedíronme falar del recentemente na súa vila natal para dar a visión dende a distancia do historiador, a partir do coñecemento do contexto máis que da persoa; outros participantes trataron o personaxe dende a proximidade persoal e dende a afinidade política. A mesa redonda foi un luxo de diálogo discrepante. Persoalmente Fraga foi para min un presidente da Xunta ao que nunca votei e celebrei a súa substitución democrática. Mellor falar dende a distancia. O Fraga histórico é o que me interesa. O que aínda non ten biografía.

Dicir que foi un grande político da segunda metade do século XX é un lugar común e unha verdade. Tan intelixente foi na construción da súa imaxe que deixou como legado a acción dun Ministerio de Turismo que na súa outra metade era o Ministerio de Información dunha Ditadura, co que iso significa. Mesmo aí reivindicou a Lei de Prensa como unha apertura, cando só significou o paso da censura previa exercida no seu ministerio á autocensura dos propios xornalistas que, de non escribir ao gusto do réxime, eran sancionados, despedidos e pechados os medios. Todo no tempo en que os lectores de prensa eran escasos e os medios de masas en España eran unha TV única e unha Radio Nacional que emitía os informativos para todas as emisoras.