Que pasa?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Marta Pérez | EFE

15 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando en 2018 as mulleres saímos á rúa dar o noso golpe na mesa, sabiamos que a reacción ía ser violenta. A pingueira de agresións e feminicidios non só non ía parar, senón que aumentaría porque había que facernos calar: os privilexiados xamais renuncian voluntariamente aos seus privilexios. Por moita razón que teña o feminismo e por moi ben que se explique, como van eles renunciar ao control dos espazos e os recursos, e ao sometemento das escravas que de tantas molestias os liberan? As dóciles son premiadas, pero ás reviradas aniquílasenos. Na maior parte dos casos, abonda con silenciarnos, invisibilizarnos ou construír discursos para que nós mesmas creamos que non valemos nada. Mais o castigo pode ser a morte.

Iso pasou coas dezasete mulleres asasinadas das últimas semanas, e hai responsábeis. Directamente, os dezasete asasinos. Indirectamente, quen negan que a violencia contra as mulleres realmente existe e insisten en que é só un asunto criminal. Que dirían eses se, nas últimas semanas, houbese dezasete policías mortos? Ou dezasete profesores de física? Dezasete xornalistas?

O que non sabíamos en 2018, fascinadas pola vaga #metoo que nos remexeu, era que hoxe o propio movemento feminista estaría dividido, que sería incapaz de dar resposta unánime ao negacionismo, facendo realidade, así, o soño do patriarcado. Catro anos e medio despois sorprende que non haxa un peche masivo de filas arredor dun Ministerio de Igualdade que debera estar liderando unha toma de medidas lexislativas diante dun problema que aumenta a causa da crispación política e social que decote utiliza as mulleres como parapeto. No entanto, os bárbaros seguen matando mulleres, mentres os patriarcas organizan pelexas de feministas con camisetas molladas.