De Casios e Rolex

Pedro Puy PORTAVOZ DO PPDEG EN EL PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

Robert Ghement

15 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Como é a realidade, é unha cuestión. Porqué é como é, é outra diferente». Tal frase pon o novelista grego Kallifatides nos beizos de Timandra, na que considera a súa mellor obra, titulada co propio nome da engaiolante ateniense. No inicio dun ano politicamente intenso, con dous procesos electorais por diante que centrarán a atención nos comos, é dicir, nos Casios, semella bo momento para centrarse nos porqués, ou sexa, nos Rolex. E atendendo á situación política xeral, vexo tres porqués, tres incomprensións que explican a maioría dos comos que estamos a observar.

A situación económica ven caracterizada porque, a diferenza das anteriores crises que afectaron a UE, a súa resposta semella agora máis equilibrada: ao tempo que se combate a inflación co potencial que nos da contar cunha moeda única e un Banco Central Europeo, o Goberno comunitario (de coalición popular, socialista e liberal) ten posto en marcha un revolucionario plan de investimentos para paliar a crise social e para a transformación e a resiliencia da economía, financiado por vez primeira con débeda europea. En consecuencia, o que corresponde é aplicar eficazmente os fondos, priorizando os grandes investimentos transformadores, e non xerar esta especie de choiva fina que semella que, como o Plan E, non vai encher os embalses dos proxectos innovadores; esquecendo ademais que as actuais facilidades para incrementar o endebedamento e a recadación extra derivada da inflación son circunstanciais e pronto haberá que retomar a senda da estabilidade orzamentaria.

Esta situación deriva das decisións do Goberno central que condicionan o bo aproveitamento dos fondos europeos. Non se realizou un verdadeiro plan para o conxunto de España (como demostra a indefinición de tantos Perte) con asesoramento experto (como se fixo en Francia); e optouse pola centralización absoluta (co inestimable apoio de Vox no Congreso), que conleva un reparto por ministerios (en ano electoral!) e sen apenas capacidade de participación dunhas comunidades autónomas ás que non lles queda outra que velar porque o reparto discrecional que se fai non lles prexudique de máis. De onde se deduce o segundo porqué: o actual Goberno de España (ao igual que outros antes) non asume a realidade autonómica, desperdiciándose a capacidade de chegar coas axudas (Ingreso Mínimo Vital) a quen realmente as precisa; e no ámbito dos investimentos, aos proxectos verdadeiramente incardinados no potencial de cada territorio.

Finalmente, a situación sería máis levadeira se a estabilidade institucional estivese garantida. Como mostra da incomprensión das vantaxes que outorga a estabilidade, abonda con recordar os episodios da renovación do CGPJ ou do Tribunal Constitucional (por certo, aínda incompleta: falta un maxistrado que ten que elixir o Senado a proposta do PP); a súa cualificación como «órgano político» pola ministra de Xustiza; ou as declaracións duns independentistas cataláns que non abandoan o decisionismo schmittiano pese as cesións realizadas por un Goberno, o de Sánchez, que non tivo reparos en deixar máis desprotexida a nosa Constitución fronte aos seus inimigos.

Porén, a actualidade sempre brinda algún motivo para o optimismo. É de novo Timandra quen o explica: «Unicamente unha cidade desenvolvida e democrática ten escándalos. Os bárbaros non teñen escándalos e os tiranos tampouco». Algo anima, nestes tempos nos que a actualidade vai de Casios e de Rolex.