Non é unha lacra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Marta Pérez | EFE

13 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En galego non existe a palabra lacra como substantivo. Lacra só un tempo verbal do infinitivo lacrar, selar con lacre.

Cavilei no termo porque adoita usarse para definir o problema da violencia de xénero. Vén sendo un sinónimo de vicio, defecto, tara, ou secuela. Palabras demasiado lixeiras para definir un problema que non deixa de atacarnos e ameaza con medrar. Semella imposible atopar para el unha solución.

É moito máis ca un defecto da sociedade, é un enorme problema que ten como máxima consecuencia o asasinato de mulleres. Fáiseme pequena a devandita palabra. Para darnos idea da magnitude do problema deixemos de tratalo coma un ente intanxible e etéreo, coma un vento que se move polas rúas da poboación. Afrontémolo con nome e apelidos. Este ano xa non é anónimo. Leva tatuados os nomes de Belén, Eva María, Hayat e Nina. Hayat significa vida. Apenas transcorreron 24 horas para que foran todas asasinadas. Todas teñen asasinos que portan nomes e apelidos, seres tanxibles que cometeron os actos criminais conscientemente, cunha intención clara e determinada. Sobre eles debe recaer toda a culpa, absolutamente toda. Non é de ninguén máis.

Depravado si aparece no dicionario da RAE. Resulta un adxectivo bastante acaído para quen comete atrocidades.

Non alixeiremos nin o máis mínimo este despropósito. Pódese tocar. Son mulleres que tiñan familia, propósitos, amigos, vida. Mulleres que respiraban ata que alguén lles aniquilou o sopro de vida. Non necesito a palabra lacra para isto.