Desexo...

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

CAPOTILLO

06 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, na casa da miña nai, tentaba lembrar como eran as noites de Reis de cando era pequena; de cando aínda tiña a ilusión de que os tres magos virían pola noite e deixarían algo para nós ao pé da árbore decorada pola Maruxa. Supoño que é porque a casa non cambiou moito, e os adornos de Nadal seguen a ser case os mesmos e seguen a estar por todas partes: nas cortinas da sala de estar, nos cadros do corredor, nos balaústres das escaleiras... Mais a árbore si que cambiou, pois hai vinte anos (cando morreu o meu pai), pasamos dunha árbore pequeniña de verdade a unha desas de mentira, de sabe Deus que material, que aínda dura despois de tantos anos.

As miñas irmás recordáronme que de pequena tiña unha especial afección polas cousas pequenas, coma os Pinypon, afección que me durou moitos anos, pois aínda levo comigo un par deles que teñen dado a volta ao mundo no fondo da miña maleta. Entón, pensei naquelas cartas de Reis que deixaba nas caixas do correo «máxico» que había espalladas pola cidade, e por moito que intentei botar a vista atrás, non conseguín lembrar como pedía o que quería (nin sequera o que quería!). De súpeto, nun intento de recuperar esa ilusión, comecei a imaxinar que poría hoxe se puidera escribir unha carta pedindo o que máis desexo no mundo coa esperanza de que quizais mo concederan, e pasei un día enteiro matinando niso. E coido que a carta podería ser sinxela e non demasiado longa, algo así como: que esteamos os mesmos o ano que ven arredor da mesa, que non nos quiten a ilusión de vivir, e que cada un de nós sexa capaz de «aportar luz» na súa contorna, para axudar a construír unha realidade máis amable, menos cruel.