2023

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Lorena Sopêna | EUROPAPRESS

29 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que Verín, e Galicia, non volvan arder. Que non vivamos na rúa melancolía, para que. Que regresen Joplin, Milanés e Cohen. Que Iolanda, eternamente, Iolanda. Que creza o nariz, como Pinocho: por cada mentira pronunciada repetidamente, sen rubor, sen ánimo de corrixir, emendar ou pedir perdón (politicamente, digo). Que reine o reino da alegría. Que a inflación desapareza dos dicionarios; prodixio ao que podemos engadir que se volatilicen paro, pobreza, guerra, tristeza, depresión, enfermidade, tristeza outra vez, «hay que apretarse los cinturones», vulgaridade, necidade e todos os insoportables discursos correctos da modernidade: todas e todos (e se algún portento, intelectual excelso, con complexos de difícil solución pronuncia todes, tamén). Que volvan Los Amaya e Rumba Tres e Los Manolos e Gato Pérez e Peret e a rumba catalá, e que a outra rumba (a dos eximios Junqueras, Rufián Esquerra e Puigdemont) deixe de chover sobre o noso presente. Iso, que non chova no interior. Que estimes aos que te estiman e que sexas capaz de non odiar aos que te odian, pobres. Que te levantes cada día coa canción que xa non cantas: «Hoy puede ser un gran día». Que a ilusión veña cos Reis, pero que non deixe de pousar no teu balcón, cada mañá, un ramo de violetas (quién te escribía versos, dime niña quién era). Que gañen os que nunca gañan. Que perdan os ebrios de éxito. Que a envexa sinta envexa dos que non saben envexar. Que a emoción conquiste almas, corazóns e vidas. Que Maradona, campión, escriba para min unha carta dende o ceo: «Felicidades, boludo». Que pase o que pase, non pases dos que están contigo. Que ames e que te amen. Que máis podo pedir. En 2023, especialmente.