Insondable

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

NASA | EUROPAPRESS

27 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Medrei durante a carreira espacial, xa saben, aquela batalla entre os Estados Unidos e a URSS para ver quen chegaba antes á Lúa ou puña antes un ser humano no espazo. Lémbrome fascinado diante daquelas fotos nas revistas, dos astronautas diante dun planeta Terra azulísimo e moi redondo, ou dende o gris lunar engaiolante.

Lembrei todo iso logo de ler na prensa unha nova que ocupou pouco máis que un limitado breve en todos os xornais nas que a atopei. Pero eu penso que é unha noticia realmente abraiante. O asunto é que a sonda InSight, que leva instalada en Marte dende novembro de 2018, perdeu o contacto coa Terra ou, mellor expresado, dende a NASA non son quen de contactar con ela. As alarmas soaron hai uns días, cando a sonda enviou unha mensaxe na que dicía: «A miña potencia é realmente baixa, polo que esta pode ser a derradeira imaxe que envíe». Non me dirán que non hai unha novela, ou unha traxedia grega, detrás desa mensaxe. Podo maxinar a sonda, na inmensidade da soidade marciana, enviando esa mensaxe derradeira, anunciando a súa morte, dicindo: «Misión cumprida pero ata aquí chegamos, Houston». Dende a NASA, como digo, levan tentando restablecer o contacto mais semella que a sonda, coma un móbil deses chineses barateiros, quedou sen batería e non hai, seica, onde enchufar de novo para recargarse.

Nestes días atribulados onde o ano vai morrendo entre golpes brandos ou defensas da democracia, que non se sabe, onde o fútbol o encheu todo (mais nin un só futbolista, nin un só, se lembrou do seu compañeiro futbolista profesional en Irán, onde é máis que probable que o maten aforcándoo por pedir algo tan simple como democracia e liberdade), onde nos preocupan os prezos dos camaróns e saber se os lagostinos son frescos ou conxelados, eu marabíllome diante do xenio humano, que é quen de poñer unha sonda en Marte que nos fala da súa agonía, que comenta con nós os seus estertores mortuorios, ao tempo que non somos quen de acabar coa fame no mundo, as guerras ou o fascismo, por dicir tres cousas obviamente malas. Podemos poñer, se é preciso, unha bomba nuclear nun meteorito que nos ameace, pero en distintos lugares dese fermoso e azulísimo planeta Terra que nos fascina cando se ve dende o espazo as nenas seguen sendo casadas á forza ou nenos moi cativos enviados á guerra.

Como non marabillarse do ser humano, capaz de tantas grandezas, de tantas miserias. Como non marabillarnos de nós, que falamos cunha sonda marciana que morre e que está tan soa, tan soíña, como millóns de seres humanos, abandonados polos seus conxéneres, condenados, despois de todo, a unha morte incomprensible. Insondable.