Brasil e a muller do César

Gaspar Méndez ECONOMISTA E PROFESOR DE HISTORIA NO INSTITUTO LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

Joédson Alves | EFE

05 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Levamos tempo subidos ao mantra de que todo o novo é mellor, e xa non digamos se o novo é dixital. Na maior parte das veces seguramente é así, pero outras é o propio mercado quen se encarga de quitarlle a razón; por exemplo, aos agoreiros que predicían que o libro físico tiña que ter desaparecido hai xa moitos anos, e aí segue. Mesmo, moitos dos que inicialmente nos pasamos ao dixital, acabamos por relegalo para lecturas lixeiras e viaxeiras.

Cos sistemas de recontos de votos pasa outro tanto. En moitos países, como España, seguimos co vello sistema de voto en urna e reconto manual dos votos, mentres que outros, sobre todo latinoamericanos, como o Brasil, optaron hai xa vinte e cinco anos polo sistema de urnas electrónicas.

No noso caso (aínda que nos veñan á memoria os pucheirazos decimonónicos de Francisco Romero Robledo), nas condicións actuais, onde os grandes partidos teñen interventores en todas as mesas electorais do país, estes son testemuña do reconto e, en caso de dúbida, o partido podería reconstruír os resultados globais en base á integración dos datos que lle facilitasen os seus interventores. Aínda que se poda condicionar o voto, parece difícil que, unha vez emitido, se poidan falsear os resultados globais.

No caso de urnas electrónicas supoñemos que tampouco, pero todos temos un temor reverencial, e unha certa desconfianza, ao que poida pasar unha vez tecleado o noso voto nunha máquina. Todos oímos falar dos algoritmos e de fallos nos sistemas informáticos, intencionados ou non. En suma, os arcanos da máquina dixital parécennos difíciles de descifrar e controlar.

Tamén causa desconfianza que os gobernos traten de controlar ás empresas que desenvolven estes sistemas, como o recente caso de Indra por parte do Goberno español.

Jair Bolsonaro tamén debía desconfiar, ou simplemente quería sementar desconfianza cando, en 2021, intentou cambiar o sistema e volver ás urnas. Aínda que gañou a votación, non obtivo o quorum suficiente.

Tampouco lle debe gustar moito a Bolsonaro que o Tribunal Superior Electoral, que controla o proceso, estea presidido por Alexandre de Moraes, un home nomeado polo presidente Temer, vencellado historicamente ao Partido da Social Democracia Brasileira; un partido da dereita moderada, posición na que tamén se sitúa Geraldo Alckmin, candidato a vicepresidente no ticket de Lula da Silva.

Cando as dúbidas no sistema están sementadas, os resultados son tan axustados como o foron no Brasil e, por riba, Bolsonaro ía sempre gañando ata o 67 % do reconto, momento no que cambia a tendencia; non é de estrañar que moitos dos seus seguidores se boten ás rúas e denuncien pucheirazo. Seguramente, se o resultado fose o contrario, os de Lula farían outro tanto.

Como seica dixo Xulio César unha vez: a muller de César non só debe ser honrada, tamén ten que parecelo. Así tamén lle pasa aos sistemas electorais das democracias, sobre todo cando os países están tan polarizados, como é o caso de Brasil, Chile, Colombia ou dos mesmos Estados Unidos.

Non dispoñer dun sistema de reconto de votos no que os cidadáns poidan confiar leva ao sistema democrático ao descrédito e mesmo podería desembocar nun golpe militar ou nunha guerra civil. Revoltas aparte, non é fácil que isto vaia pasar no Brasil pero, dado que os partidarios de Bolsonaro son maioría no Congreso, non debemos desbotar a posibilidade, a medio prazo, dun revogatorio contra Lula, como o que sufriu Dilma Rousseff en 2016.