Estudando a Pablo Iglesias

Inma López Silva
Inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

EUROPA PRESS | EUROPAPRESS

01 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é vostede digna desta Cámara», espetoulle unha deputada do PSOE á ultradereitista Carla Toscano. Esta viña de dicir que a ministra Montero non tiña categoría para falar do machismo no Poder Xudicial porque o seu único mérito era «ter estudado en profundidade a Pablo Iglesias», aludindo á relación entre eles.

Esta columna podería acabar aquí.

Pero ese relato dunha diatriba máis no Congreso é o triste reflexo dunha sociedade que se polarizou entre a revolución feminista do 2018 e a reacción virulenta de quen non queren perder os privilexios que lles dá sacar do capital ás mulleres. No medio, e é unha mágoa, a dereita moderada, perdida entre os díxomedíxomes dun líder que non lidera e a necesidade de apañar uns votos que lles deberan ser espurios, por machistas, franquistas e racistas, e por non teren máis criterio que o cuñadismo que tan ben manexa Vox. O problema é que Toscano é igual de rexeitable que os milleiros de persoas que opinan coma ela.

Nos colexios, o molón agora é dicirlles ás mozas que volvan ser submisas Xulietas. No bar, volveron os señores co coñac a insultar a ministras. Volve non ser vergoña para os xefes dalgunhas empresas dirixirse a nós (escritoras, xornalistas) mirándonos o escote en lugar dos ollos. No súper, a caixeira compadécese dese marido que atende os nenos.

Non retrato 1975, senón esta semana do Día Contra a Violencia Machista de 2022 en que á ministra de Igualdade a violentan en sede parlamentaría dicíndolle que non vale para nada sen un home, como faría calquera maltratador na cea.

Efectivamente, que ninguén borre do libro de sesións esas palabras. Cumprirá lembralas, igual que lembramos que foi Adolf Hitler quen dixo que a mellor lección da historia é que ninguén aprendeu nada das leccións da historia.