As sorpresas de Catar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantas sorpresas nos está traendo Catar, verdade? É normal, porque só hai doce anos que sabemos que o Mundial se vai disputar aí. Aínda que o seu sistema político totalmente autoritario e absolutista xa estaba instaurado de antes.

Unha ducia de anos para pensar nas barbaridades que se cometen, para volver vivir atrocidades que atentan contra os dereitos humanos. Non son suficientes?

Decatámonos agora de todos os crimes de orixe política que se cometen neste país? Do abuso da pena de morte? Da violencia continua, gratuíta e imperante contra as mulleres? Do perigo mortal que corre o colectivo LGTBI? Dos traballos levados a cabo mediante un réxime de escravitude?

Si. Caemos na conta hoxe porque a FIFA non deixa levar un símbolo no brazo ao capitán de cada equipo. Unha decisión que tomaron... recentemente? Para protexer os xogadores? Non o creo.

Desde o momento que se elixiu Catar como sede do Mundial foron alá doce anos, tempo suficiente para prever todo o que agora parece estrañarnos. Porque, sabémolo perfectamente, non é ningunha novidade. Así que non nos fagamos os sorprendidos. Puidemos ter protestado pola elección dun país no que a violación dos dereitos humanos é continua. Sería un bo golpe negarse a asistir. Aínda no caso de participar, puido encherse este Mundial de símbolos que conviden o anfitrión a reflexionar e mudar.

Se non se fixo nada foi porque non interesaba. Agora, cando menos, non poñamos cara de sorprendidos. Aínda pode darse a volta a pequenas tortillas.