Necesidades

OPINIÓN

Enric Fontcuberta | EFE

09 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os gregos seica foron os que inventaron o bar coma un lugar para a venda de viño e os romanos o perfeccionaron até lle daren unha forma non moi afastada do que rematou sendo hoxe. Nun novo estudo que saíu estes días nos medios, España confírmase como potencia mundial e non hai quen teña máis bares por habitante ca nós. Hai vilas coma a miña que dispón dunha longa rúa dos viños e, nalgún estudo que se fixo, mesmo gozou de épocas en que tocabamos a un bar por cada 50 veciños, unha posibilidade familiar de vivir neles. É certo que os datos non deberían ser cousa de presumir se os asociamos ao alcol e ao vicio, pero é evidente que, nunha poboación dispersa coma a galega, o bar é un lugar de encontro propicio para evitar a soidade, ter certa vida social e, sobre todo, estar informado do que pasa no mundo porque nestes locais estoupan as noticias da televisión e tamén da prensa que os clientes adoitan ler as máis das veces en alta voz. O meu sogro, que viviu case toda a súa vida en Madrid, sempre se gababa de que na súa aldea limiá de nacenza había un par de bares con prensa. Para el era unha boa medida de progreso. E poida que tivese razón porque os bares forman parte da nosa cultura, son un sector fundamental da economía e tamén un símbolo desa identidade ruidosa que tanto nos define. Son tantas as historias que xorden na barra dun bar que toda a ficción ficaría medio orfa se prescindísemos destes lugares de referencia. Poría como exemplo da súa importancia a resposta dun home do antigo Couto Mixto cando un periodista lle preguntou que lle parecería recuperar a consideración legal desa antiga república esquecida que nin pertencía nin a España nin a Portugal: «Mire, máis ca independencia, o que de verdade lle precisamos aquí é un bar».