A necesidade dunha medicina personalizada e integrativa

Sonia Villapol CIENTÍFICA DO CENTRO MÉDICO DE HOUSTON (TEXAS, EE.UU.) E COMPONENTE DO EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DO COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

María Pedreda

01 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días que nos deixou o médico Jesús Candel (Spiriman) a causa dun cancro de pulmón. Foi un activista e un fervente defensor da sanidade pública, cunha grande influencia nas redes sociais. Aínda que as formas no seu discurso fosen criticables, os seus feitos avalábano. En marzo do 2020 mandeille un artigo que escribira para Investigación y Ciencia sobre os perigos da exposición prolongada ao covid e da necesidade de bos equipos de protección para os sanitarios. Spiriman compartiu o meu artigo nas súas redes e foi o máis lido da revista durante semanas. Por aquel entón aínda non tiñamos vacinas, nin os gobernos recomendaban as máscaras, e menosprezábase o efecto prexudicial do virus na xente nova. Xa se viu o que pasou, miles de sanitarios contaxiados e aínda moitos seguen con secuelas dous anos despois. Sen dúbida, a pandemia deixounos unha sociedade feble, o que repercutirá nos sistemas de saúde. O risco de enfermidades neurolóxicas, cardíacas e vasculares aumentou substancialmente nos infectados do covid.

Un dos últimos legados que deixou Spiriman foi a creación da unidade de apoio a pacientes oncolóxicos (UAPO) en Granada. Os tratamentos de radioterapia, inmunoterapia e quimioterapia son moi agresivos e deberíanse de complementar con outros coidados ao corpo, o que ben defendendo a medicina integrativa. Profesionais da preparación física, fisioterapia, nutrición e saúde mental póñense a traballar en conxunto para establecer unhas rutinas diarias de exercicio físico e control da alimentación aos pacientes. Non só beneficia a calidade de vida, senón que fai que os tratamentos recibidos sexan máis efectivos. Fai falla que a medicina entenda o paciente coma un todo e use as ferramentas que a ciencia lle ofrece para curar individualmente. As terapias dirixidas que afronten cancros específicos e individualizados en cada paciente debería ser unha realidade. Non consiste só en tratar os pacientes con herbas medicinais ou meditación, que non se relaxen os xestores, porque hai que abrir a carteira.

A crecente dispoñibilidade de datos biomédicos de grandes biobancos a nivel internacional, imaxes radiolóxicas, rexistros de saúde electrónicos, biosensores portátiles, análise de marcadores metabólicos e o menor custo da secuenciación do xenoma e do microbioma sentaron as bases para o desenvolvemento de solucións multimodais de intelixencia artificial que capturan a complexidade da saúde humana e da enfermidade. A ciencia xa dispón destas ferramentas, a que agarda a medicina para aplicalas e mellorar os diagnósticos e facer os tratamentos máis efectivos?

As novas tecnoloxías coma a xenómica están permitindo que médicos e investigadores deseñen tratamentos personalizados dirixidos a condicións específicas, e este é o futuro que está a impulsar a adopción da medicina personalizada. Non falta moito para que os móbiles permitan que os pacientes transmitan datos de saúde en tempo real aos seus médicos. Xunto coa análise e a intelixencia artificial, algún día estes datos permitirán predicir un ataque cardíaco antes de que ocorra. Coñecer as bacterias intestinais dos pacientes permitirá axustar as doses dos tratamentos en función da idade, raza, xénero, xenética, comorbilidades e mesmo dos hábitos de vida. Os mellores hospitais do mundo deberían alardear de posuír estes servizos. Non se pode seguir estancados na medicina do pasado, temos as ferramentas e chegou o momento transcendental da investigación biomédica de aplicar a medicina de precisión. Só fai falla financiamento para facelo posible.