Si, quero

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Parece que non teñen ideoloxía porque fan un gran esforzo escenográfico por semellar estaren fóra do mundo, pero as xuízas son humanas, e como humanas pensan, votan e falan. Sobre todo, falan. Así que, coma o resto dos mortais, cando toman a palabra fano con toda a mochila que leva a súa lingua. Por iso, de vez en cando, usan o mazo simbólico do idioma para lembrarnos que a miúdo as nosas vidas están en mans da súa oculta ideoloxía.

Por exemplo, casar en galego é cuestión ideolóxica, mais tamén xurídica no sentido clásico en que, temo, xa non formamos xuristas: chegar a un acordo mediante a palabra coma ferramenta para convencer. Pero como uns noivos non van usar o día da súa voda para andar explicándolle á xuíza nin o fundamento sofístico da nosa concepción da lei nin a Carta Europea das Linguas, daquela a xuíza aproveita toda a escenografía para esmagarlles o amor no seu día e, diante de tal debilidade, zas!, impoñerlles a súa ideoloxía antigalega: no meu xulgado non se fala galego. Despois, xa vén o absurdo: fagamos coma quen que o galego é lingua estranxeira en Galicia e paguemos a tradución de «Si, quero» a «Sí, quiero».

Pouco se fala do ego das persoas con toga, desa necesidade de baixar do Olimpo para lles admirarmos a toga e lembrarnos canto hai de irracional no exercicio de interpretar leis, e canto de ganas de enredar no único acto fácil que debera ter todo matrimonio: o casamento non é momento para andar pensando se a xuíza te vai amolar, coma se non ter feito o enxoval fose motivo para sentarte no banco dos acusados.

Para algunhas, falar galego implica de antemán un motivo de acusación. E se casando pasan estas cousas, pensen onde queda a presunción de inocencia de calquera galegofalante normal.