«¡Viven!»

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Elvis González | EFE

14 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cincuenta anos, un avión con corenta pasaxeiros estrelouse nos Andes. Dúas décadas despois vin a película ¡Viven!, que relata o accidente. Deixárame profundamente impactada, case coma o caso de Omaira, a nena que agonizou diante das cámaras para todo o mundo na desgraza do Nevado del Ruiz.

Ela non tivo elección de contar a súa historia. Os superviventes dos Andes, si. Fixérono e impresionaron a quen os oía.

Busquei o libro que deu título ao filme logo de velo. Atopárono uns amigos de meus pais nunha libraría de vello. Lino varias veces. Nunca deixou de sorprenderme o espírito de superación, a esperanza incombustible (as veces só un fío), a forza de vontade...

Do accidente quedaron dezaseis sobreviventes. Dous deles, case mes e medio despois, conseguiron chegar a unha poboación e dar aviso para posibilitar o rescate.

Leo estes días varias entrevistas con motivo do cincuenta aniversario. Din que o peor era a incerteza, saber do terror pisándolles os talóns continuamente, ameazando.

Para vivir, necesitan soñar. É o que os salva. Aseguran que nunca foron mellores persoas que neses momentos nos que poderían sacar o peor deles. Sucedeu o contrario.

Cando os van rescatar, o helicóptero non pode descender polas malas condicións climáticas. Baixan rescatadores, que lles ofrecen alimento e un poema para a alma. Recitan Cultivo una rosa blanca. Non merecían menos.

Ai, se en lugar de agresividade aprenderamos a usar poesía! Eu tamén necesito soñar.