O silencio

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

07 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana, co gallo da morte do periodista Jesús Quintero, os medios resaltaban a súa mestría co uso do silencio, o seu ritmo pausado. Unha calidade que me fixo matinar sobre cal é agora o papel do silencio nas nosas vidas e nos nosos traballos, e por que nos sorprende tanto o importante que era para Quintero a pausa. Pois o silencio, como pausa escollida, é unha ferramenta realmente poderosa á hora de deixarnos tempo para pensar, para reflexionar sobre o que queremos ou non queremos dicir, para organizar as palabras e os pensamentos máis profundos. E precisamente por iso, é unha ferramenta esencial para a comunicación e o entendemento, non só de xeito público, como facía o periodista, senón tamén de xeito privado. Pois sen esa pausa que ás veces representa o silencio, non seriamos quen de coñecernos nin a nós mesmos nin aos que están arredor de nós.

Tamén pensei en como o silencio foi facéndose sitio na miña vida, e sobre o que significa aprender a abrazalo e a sentirse cómoda con el. No que supuxo para min aprender a utilizalo para estar no presente (e non para preparar o futuro inmediato) e aprender a escoitar sen xulgar. Pois esa idea, a do silencio como pausa escollida (que é moi diferente a outros tipos de silencio aos que non me refiro nesta columna), pode realmente cambiarnos a vida.

Todos temos o noso ritmo particular, pero todos temos en común que precisamos de momentos de reflexión que non sempre nos proporcionan nin nas aulas nin nos medios de comunicación. Polo que abrazar a pausa como parte dunha conversa con outra persoa, ou coa vida mesma, é unha acción tan necesaria (e radical) coma aprender a escoitar(nos) con atención plena.