Equinoccio

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

JUSTIN LANE | EFE

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

E así, de súpeto, chegou o outono. Esta noite foi o equinoccio, e con el abriuse ese ciclo no que comezamos a recollernos, a prepararnos para o inverno. Un inverno que, segundo os datos que temos, semella que vai ser difícil. O prezo da vida non para de subir, as desigualdades están cada vez máis claras e, como auguraba esta semana António Guterres, o secretario xeral da ONU na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, «un inverno de descontento global está no horizonte». E non acababa aí, Guterres continuaba coa idea de que «estamos paralizados nunha disfunción global colosal».

Escoitando as súas palabras unha non deixa de preguntarse moitas cousas, entre elas o cúmulo de razóns que nos levan a vivir cun medo máis que considerable este capítulo da nosa historia no que a incerteza é tan real coma palpable. Pero sobre todo preguntábame que ferramentas están nas nosas mans, nas mans da cidadanía, para poder parar esa «disfunción». Pois ao escoitalo dar o seu discurso, e aínda que se refería aos líderes mundiais alí presentes, unha non podía deixar de sentir unha grande responsabilidade, mesmo culpabilidade, sobre algo que sabemos que, por desgraza, nós, os mortais, non podemos controlar.

Sen dúbida, tanto eles coma nós temos «o deber de actuar». Pero semella que nin eles nin nós sabemos como. E a pesar de que as palabras de Guterres eran tan grises coma o inverno para o que nos preparamos, eu quedo coa frase máis luminosa que pronunciou: «Vivimos nun mundo onde a lóxica da cooperación e o diálogo é o único camiño a seguir». E tentarei practicala acotío, pois a outra solución que propón, «a coalición do mundo», séntese tan lonxe coma intanxible.