Violencia continua

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Guardia Civil | EFE

21 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Simplemente non lles gustaba a súa condición sexual. Por iso comezaron a cuspirlles, logo a golpealos e acabaron por romperlle o nariz a un deles. Isto ocorreu no metro de Barcelona hai uns días. Por desgraza non é unha excepción.

Hai pouco miraba sorprendida as imaxes dun mozo saíndo dunha das discotecas máis famosas da cidade da Coruña. Levaba o nariz bañado en sangue a consecuencia dunha pelexa. Nas últimas horas estúdase a posible agresión sexual a unha moza en Torrelavega.

Non hai día que os xornais, os noticiarios, non conten entre os titulares unha agresión. Están á orde do día, son continuas, a violencia non cesa. É igual que punto do territorio miremos.

Alguén cre que isto non é un problema? Como combatelo é complicado. Entendo que todo pasa pola base dunha educación axeitada. Pero tamén polo exemplo. E ese, como sociedade, non o damos. Á mínima discordia erguemos a voz, berramos e afanámonos en demostrar que o outro está errado e só nós temos a razón. Buscamos incesantemente o comentario, o xesto, o despiste, para saltar á carga. Se podemos publicalo nas redes sociais e aumentar a bóla, mellor. Marcamos a esa persoa, encadrámola nunha ideoloxía, facémolo portador dunha sona en concreto e poñémoslle unha etiqueta enriba. Xa está, é un branco sinalado.

Provocamos a crispación constantemente. É a antesala para a furia.

Todos temos unha parte social. Con maior ou menor proxección, sempre con influxo. Sexamos responsables e fagamos uso da cara amable en lugar da violencia.