Odessa é nome de muller

Gaspar Méndez ECONOMISTA. PROFESOR DE XEOGRAFÍA E HISTORIA NO IES LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

STR | EFE

26 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os recentes acontecementos en Ucraína leváronme a reler o libro de Neal Ascherson que leva por título O mar Negro: berce da civilización e da barbarie. Unha magnífica obra que describe perimetral e historicamente esa enorme masa de auga, chamada Ponto Euxino polos antigos gregos, a través dos pobos que poboaron as súas ourelas. 

Escrito en 1995, cando se disolveu a Unión Soviética, retrotráenos ata oito séculos antes da nosa era, cando os gregos fundaron, nas súas costas, colonias como Olbia, Feodosia, Panticapea ou Borístenes, para comerciar cos nómades escitas, aos que lles aprenderon a cultivar o trigo nas inmensas chairas do que hoxe chamamos Ucraína, e a comerciar con el.  Mentres os escitas se enriquecían á par que se helenizaban, o trigo, como aínda acontece hoxe en día, salvou da fame as superpoboadas poles gregas.

Despois de múltiples vicisitudes, a cultura e a lingua grega subsisten hoxe en día, aínda que moi minoritarias, en Crimea. Pola súa parte, os escitas foron varridos por novos pobos procedentes das inmensas estepas asiáticas. Primeiro os sármatas, considerados orixe da nación polaca, os alanos, e os godos, que se estableceron en Crimea e máis adiante espertarían as fantasías de Hitler. Os godos foron expulsados polos hunos, que abriron paso a outros pobos, como os xázaros, que adoptaron o xudaísmo e tiveron o seu reino en Crimea, sendo probablemente os devanceiros dos actuais asquenacís. Tártaros e mongois da Horda de Ouro ocuparían o seu lugar, ao tempo que os comerciantes gregos eran substituídos polos xenoveses, para acabar todos baixo a férula da Sublime Porta otomá.

No século XVIII os grandes Pedro I e Catarina II, buscando unha saída a mares cálidos para a súa frota, lanzaron exércitos contra os otománs para conquistar o que logo bautizarían como a «Nova Rusia». Cando, en 1789, cosacos e tropas imperiais rusas ao mando de José de Ribas, conquistaron a fortaleza turca de Jadsibey, pensaron que era un bo sitio para fundar unha cidade, e acordaron chamarlle Odessos, na crenza errónea de que estaban no antigo emprazamento da colonia grega dese nome, cando en realidade era o de Borístenes. Foi Catarina a Grande quen decidiu que esa nova cidade tiña que ter nome de muller e nomeouna Odessa.

O expansionismo ruso sería freado polos otománs, coa axuda das potencias europeas, na Guerra de Crimea, pero Odessa continuaría medrando ata converterse na terceira cidade rusa e, segundo Pushkin, na máis europea de todas elas.  Odessa é tamén hoxe a terceira maior cidade, pero de Ucraína, así como o seu principal porto, o único que aínda non caeu en mans dos rusos e, como estamos vendo na prensa, imprescindible para a exportación dos cereais que se seguen a cultivar nas inmensas chairas da antiga Escitia.

Fracasada a estratexia inicial do exército ruso, que buscaba o colapso militar do ucraíno, parece que os seus obxectivos se van concretando na conquista dos territorios de Donestk, Lugansk, Zaporiyia e toda a franxa do mar Negro, probablemente co obxectivo final de conectar con Transnistria.  Dentro desa franxa cae a cidade de Odessa. O realmente sorprendente desta guerra é que, contrariamente a outras cidades, como a ben próxima Nikolaev, Odessa case non sufriu as consecuencias da guerra. Quitado algún bombardeo concreto e puntual contra obxectivos militares no porto, a cidade mantense intacta.

Aventurando un pouco na psicoloxía do presidente ruso, Vladimir Putin, é posible que non a queira destruír, senón que queira conquistar intacta esta Perla do Mar Negro, como tamén é coñecida.  De ser así, seguramente Putin estea xa imaxinando, como acto final da guerra, unha parada militar no principal paseo de Odessa, que leva por nome, e non podería ser doutro xeito, Deribasovskaya.