Non é violencia de xénero

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Miguel Barreto | EFE

14 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O home precipitouse pola ventá e morreu a causa do impacto. Comezaron así as investigacións, que levaron ás autoridades á vivenda, na que atoparon outro cadáver, neste caso dunha muller.

Hai moito que investigar aínda no suceso. Polo de agora, o que está claro é que estes son os feitos, pero haberá que facer as comprobacións e indagacións pertinentes para saber que foi o que realmente pasou. O que tamén se coñece é que a muller era a parella do sobriño do home. O demais, non vai máis alá de conxecturas polo de agora.

Pero xa que ata o momento se descoñecen moitos datos, como é que aseguran xa que non se trata dun caso de violencia de xénero? Alégase para isto que as dúas vítimas non mantiñan unha relación sentimental. Pero si afectiva, familiar. Neste caso, ademais, habitaban na mesma vivenda.

Segundo a Consellería de Igualdade, a violencia de xénero é a que atenta á integridade, dignidade e liberdade das mulleres independentemente do ámbito no que se produza, é dicir, un ataque á muller polo simple feito de selo, que parte dunha situación de desigualdade no que os homes se sitúan sobre as mulleres.

Paréceme moi arriscado, polo tanto, declinar esta posibilidade no suceso que acabamos de comentar. Debemos ser prudentes, tanto para afirmar como para negar.

Entendo que todos desexamos que se consuma esta lacra social, pero a solución non está en intentar reducir o número de casos a posteriori, senón evitar que se produzan máis. Denunciar e castigar é indispensable nesta loita.