O que pensa... perde!

Inma López Silva
Inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

M.Moralejo

29 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que á fin muda iso que as do Pleistoceno chamamos Selectividade, e que remataron os procesos de oposición para o ensino público, vén á memoria o inmortal número sobre a televisión dos Luthiers co concurso La Kermesse de los Sábados, que tiña como broche final o sensacional entretemento «El que piensa ¡pierde!» Ben sabían os Luthiers que o obxectivo da escola é eliminar cidadáns creativos e intelixentes.

O que pensa [silencio] Perde!! [léase con entusiasmo]

Xa os espazos de formación e selección do profesorado son os primeiros en guindar ao sistema loros de repetición, memorizadores de cousas que xamais aparecerán nun currículo, expertos burócratas que fibrilan se baten de fociños no exame, e quizais no futuro laboral, con algo alleo ao temido temario que, durante anos, deixou a un lado a realidade e, sobre todo, a educación. Se a iso engadimos un alumnado constantemente avaliado desde os oito anos sobre absurdos datos alleos á realidade, e que debe aprender a facer exames antes que aprender contidos, xa se pode facer a mellor ABAU do mundo, que nada mudará, porque será só un exame máis que haberá que aprender a facer, mellor sen pensar demasiado. Porque, por certo, o que pensa, tamén perde na universidade. Ai!: moi especialmente nese templo ateigado de tiros polas costas, onde a mediocridade campa a conta de mandar os perigosos seres pensantes aos EE.UU.

Pasará o de sempre: perderá quen ouse pensar, igual que tamén perde o que non ten medios para completar con saberes o que na escola só son técnicas, e o que non logre individualizarse, do xeito que sexa, en aulas masificadas onde é imposíbel contradicir un sistema pensado para clasificar máis ca para formar.

Menos mal que nos queda a televisión e os seus concursos.