Xinzo e Guadalajara

María López Sández
María López Sández ACADÉMICA ELECTA A REAL ACADEMIA GALEGA. ESCRITORA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

25 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que o proceder habitual coa onomástica foránea era a tradución, mesmo forzada, cara á lingua meta. Aínda se poden atopar hoxe textos de certa antigüidade nos que se consignan nomes coma Guillermo Shakespeare ou Julio Verne. O feito de que o conselleiro inglés de Enrique VIII sexa coñecido entre nós coma Tomás Moro e non co seu nome orixinal, Thomas More, ten que ver con esta tendencia á tradución forzada que deixa, por veces, resultados tan curiosos coma o de León Tolstoi, coma se Lev, escrito ademais en alfabeto cirílico, tivese algún tipo de conexión con León máis alá dunha torpe paronomasia.

Esa tendencia é, sen dúbida, froito da ignorancia, resultado dun mundo no que as linguas e as culturas vivían maioritariamente pechadas sobre si mesmas. Hoxe, por sorte, acontece o contrario. O noso mundo é plurilingüe e multicultural e, polo tanto, pasando dos antropónimos aos topónimos, semella claro que a norma xeral debe ser mantermos o nome tal como é na lingua propia do territorio do que procede. Non hai razón pola que Jaén ou Guadalajara non poidan conservar o seu nome no orixinal castelán, ou Lleida ou Girona o seu en catalán, cando escribimos en galego. E, reciprocamente, Ourense ou Xinzo da Limia deberían manter a súa forma galega cando se escriben noutras linguas.

No tocante á pronuncia, o natural é unha adaptación desde a lingua orixinal á meta, aínda que hai fonemas sobradamente espallados e de doada realización. Así, malia non termos en galego unha fricativa xorda coma a do castelán, é este un son que todos podemos pronunciar e, de feito, a nosa lingua conta con realizacións moi próximas a través da gheada, ao que se engade o feito de que todos os galegofalantes son, á súa vez, competentes en castelán. Claro que, inversamente, non deixa de sorprendernos a dificultade de moitas persoas para designaren co seu nome a Sanxenxo ou Xinzo cando, pola contra, non manifestan ningunha dificultade co mesmo fonema fricativo palatal xordo do inglés.

A conciencia da importancia da autorrepresentación debe levarnos a respectar antropónimos e topónimos nas súas formas orixinais, cos inevitables fenómenos de transliteración no caso de linguas que non empregan o mesmo alfabeto ou sistema gráfico e de adaptación fonética á lingua meta. Facérmolo así é un sinal de respecto que lle debemos ás demais culturas e, paralelamente, reclamalo para a propia é un acto de autoafirmación e dignidade.