Responsabilidade climática

OPINIÓN

Luis Ramírez | EFE

25 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A natureza é un continuo recordo e, ano tras ano, as evidencias fan que nos preguntemos se o noso mundo, e non outro, será posible no futuro. A dúbida é máis que razoable, pero a culpa non debería ser xeral e asumida por toda a humanidade porque nese avance imparable de consecuencias desastrosas, hai causas que están en mans dunha minoría desprovista de escrúpulos.

Estes días non deixamos de nos laiar das traxedias televisadas, das miles de hectáreas queimadas, dos mortos relacionados co lume e a calor, da medra brutal desas temperaturas que comparamos coas doutros lugares para nos convencer de que o noso inferno é máis amable ca o dos outros. E non nos queremos decatar de que estes fitos no mercurio son certificados de presenza dunha crise climática que moita xente teima en negar, ben por ignorancia, ideoloxía ou o interese dun capitalismo feroz que descoñece a máis mínima solidariedade coas xeracións presentes e futuras.

De nada vale enumerar as causas que se agachan detrás deste fenómeno. Ao egoísmo duns poucos tanto lle ten que fales de deforestación, das emisións de CO2, da contaminación por ozono que provoca doenzas respiratorias e cardiovasculares, como de incendios que mesmo poden ser beneficiosos... O mundo está para consumilo e tirarlle o maior proveito. E este pensamento depredador non sería preocupante se estes poucos estivesen illados da sociedade. O malo é que están nos círculos de poder político e económico e se atreven mesmo a subvencionar o carbón para contrarrestar o corte de subministro de gas ruso ou a cualificar a nuclear e a gasística como enerxías verdes. Non nos enganemos, haberá veráns abrasadores, si, pero non todos temos a mesma responsabilidade nesa traxedia.