Arde Galicia

Antonio Rigueiro Rodríguez CATEDRÁTICO DA ESCOLA POLITÉCNICA SUPERIOR DE ENXEÑARÍA DE LUGO (USC). PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN FORESTAL DE GALICIA.

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

24 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se miramos as estatísticas galegas de incendios dos últimos lustros decatámonos de que as cousas non van mal, obsérvase unha tendencia cara unha diminución ano tras ano do número de incendios e da superficie queimada, pero hai anos, como o 2017 e o actual, nos que circunstancias climáticas extraordinarias se asocian con extraordinarias vagas de lumes. Quizás temos equipos humanos e materiais que funcionan ben en épocas de normalidade pero que se ven desbordados cando a natureza nos presenta episodios climáticos non habituais, ou mellor dito que non eran habituais no pasado, porque, por desgracia o cambio climático veu para quedarse.

Nos montes hai abundante vexetación e sufrimos temperaturas moi elevadas, humidade atmosférica baixa, semanas sen chuvia e polo tanto o combustible dos montes moi enxoito, tormentas secas con importante aparato eléctrico e velocidade do vento alta nas zonas de tormenta. E cando iso sucede os lumes forestais avanzan con gran rapidez e soen ser incontrolables.

A meteoroloxía adversa pode ser necesaria para que se produzan incendios na cantidade e coa intensidade dos que están arrasando algunhas zonas de Galicia, pero non soe ser suficiente. Ten que haber combustible e ten que haber quen lle prenda lume. E no caso dos incendios actuais, en varios polo menos, non lle podemos botar a culpa aos pirómanos nin aos eucaliptos, parece ser que foron os lóstregos os culpables iniciais e propáganse en zonas onde non hai, ou cando menos non abundan, esas árbores mirtáceas. Por desgracia, nos nosos montes, sen moita ordenación nin planificación e con moito abandono, abunda a biomasa no estrato arbustivo, e cando está seca arde ben e propaga doadamente o fogo, que, nas circunstancias meteorolóxicas que vivimos, se converte doadamente en lume de copas.

Existen en Galicia outros importantes factores de risco de incendios forestais: a regresión demográfica no medio rural, o envellecemento da poboación e o abandono das explotacións agrogandeiras, a proliferación de infraestruturas nos montes como pistas, a escasa valoración do monte por parte da sociedade, o absentismo e o abandono das propiedades forestais, grandes extensións de especies arbóreas pirofitas, a desaparición das masas naturais de árbores autóctonas caducifolias —en condicións normais, poden facer un importante papel de cortafogos, aínda que insuficiente nestas situacións extremas—, a diminución do pastoreo extensivo nos montes, o uso neglixente do lume como práctica cultural na agricultura e na silvicultura, unhas infraestruturas de prevención de incendios insuficientes...

Tras do lume salvaxe so queda desolación, desaparecen a fauna, os fungos, os microorganismos, o tapiz vexetal e os horizontes orgánicos do perfil edáfico; o solo mineral queda exposto á erosión coas chuvias que virán posteriormente —estímase que nalgúns casos no semestre seguinte ao incendio se pode perder ata o 90 % do solo— anegando e enlodando vilas, reducindo a calidade das augas e afectando negativamente á fauna fluvial e aos bancos marisqueiros da costa. As perdas económicas son moi importantes e a incidencia social é especialmente preocupante. Xurde o sentimento de impotencia e derrotismo que xera nos propietarios forestais, que se resisten a investir nos seus montes por temor a que os seus aforros se convertan en cinza.

Galicia dedica un importante esforzo orzamentario a loita contra os incendios forestais, hai que recoñecer que se inviste máis en vixilancia, detección e extinción que en prevención e recuperación de montes queimados. Desde o noso punto de vista sería desexable prestar unha maior atención á prevención, pois o clima está cambiando e a meteoroloxía do ano actual e do 2017 pódese converter en frecuente, así que nos parece necesario, ademais de incrementar e mellorar accións de sensibilización, comunicación e outras de carácter policial e xudicial, fomentar a silvicultura preventiva encamiñada á ordenación do combustible vexetal nos montes, o aproveitamento da biomasa con fins enerxéticos, a diversificación das especies forestais ou o pastoreo controlado, que pode ser importante no deseño de áreas cortalumes estratexicamente deseñadas.

Temos que poñerllo difícil á natureza e aos incendiarios facendo que o monte sexa difícil de queimar e, se se produce o lume, que sexa doado de atallar.

O desenvolvemento da lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, recentemente aprobada, e do novo plan forestal de Galicia, así como a nova lei de incendios forestais deberían entrar a fondo neste preocupante tema, é dicir na incidencia do cambio climático e do abandono do rural nos incendios forestais e nas súas consecuencias, introducindo medidas efectivas de prevención.