Os nomes e a autorrepresentación

María López Sández
María López Sández ACADÉMICA ELECTA A REAL ACADEMIA GALEGA. ESCRITORA

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

17 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A toponimia conforma un dos principais e máis ricos repertorios da nosa memoria cultural. Podemos dicir que os topónimos, resultado da interacción entre o ser humano e o medio, constitúen un sinal de identidade primario. Desde o feminismo á teoría poscolonial, as diversas correntes de pensamento fixéronnos agudamente conscientes da importancia da autorrepresentación e o primeiro e máis esencial dos actos de representación é nomear. A este respecto, é ben coñecida a cita de Salman Rushdie segundo a cal «toda descrición é un acto político».

O feito de que o nome que un pobo lle dá á terra que habita sexa substituído por outro imposto desde fóra, noutra lingua, constitúe unha forma de violencia. Do mesmo xeito que, en tempos, a obrigatoriedade da natureza relixiosa dos antropónimos reflectiu o peso cultural dun sistema de crenzas, a imposición dunha toponimia alóctona sobre o territorio galego, levada a cabo torpemente durante o franquismo, é un magnífico símbolo da opresión esmagadora que sufriu a nosa identidade. Pisáronnos ata o nome. Retomarmos as denominacións tradicionais e acabarmos coas impostas polos ditadores é un acto de reparación reconfortante e de xustiza.

Na actualidade os nosos nomes corren outros perigos e por iso urxe recollelos e preservalos. Os procesos de concentración agraria e o esmorecemento do medio rural están a producir unha perda acelerada da microtoponimia coa que designamos o territorio durante séculos do xeito atento e agarimoso que dá a cada leira e a cada pena e a cada recanto o seu nome propio, un tesouro que cómpre preservarmos do esquecemento. Eu, que fun xa unha nena urbana, teño un vencello emocional con esa aldea á que aquí todos pertencemos a través das escenas que a miña nai evocaba: o croar das rás cando pola noite abría os regos para que a auga escoase polos sucos das «Laxas»; o medo de atravesar de noite a «Pena Moura», que nos beizos do meu avó tiña resonancias de Fole; o «Chanto», «Vilapedre», o «Couso»… Nomes que para min tiñan un recendo mítico e que sen dúbida foron determinantes no meu interese cara ao territorio, a paisaxe e o mundo rural galego. Cando o meu avó levaba moito tempo vivindo en Lugo seguía sendo «O Castelo», portando o nome da súa casa, que o ligaba á identidade aldeá que o acompañou ata o último día. A ninguén cun mínimo de sensibilidade ou cultura se lle ocorrería destruír unha mámoa ou un castro. Mesmo se moitas outras cousas se perden, a lingua, as palabras, os nomes, fican aí para ancorarnos á terra á que pertencemos.