«A voluntaria» e os refuxiados

OPINIÓN

María Pedreda

30 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos días fun ver a película A Voluntaria, protagonizada por Carmen Machi, esa magnífica secundaria que saltou á fama no 2014 coa súa interpretación en Oito apelidos vascos. Neste novo filme Machi ten xa un papel estelar: trátase de Marisa, unha médica española xubilada que vai colaborar como voluntaria a un campo de refuxiados en Grecia. Alí malviven centos de sirios procedentes do campo de Moria, na illa de Lesbos, porta de entrada en Europa.

Marisa é recibida polo equipo da ONG, composto por profesionais novos, mulleres sobre todo, que a acompañan e tutelan. Fano —así o require o filme— con episodios de maniqueísmo repelente —«non acariñes os nenos»— que chocan coa alegría e desexos de axudar da voluntaria. Son contratempos habituais na acción humanitaria, onde as ganas de arranxar o mundo dos que acaban de chegar chocan coa realidade dos profesionais, coñecedores das raíces profundas dos conflitos, que persistirán cando os voluntarios, pasada a estancia de 15-30 días, retornen nos cómodos asentos de avión. O filme chega ao seu clímax cando Marisa, encariñada dun neniño sirio sen familiares, o saca do campo de forma ilegal e trata de adoptalo, va ilusión ante os rigorosos controis existentes contra a trata de persoas. O filme remata co retorno de Marisa a España e a devolución —crúa— do meniño ao campo.

No filme aparecen os refuxiados, pero como meros figurantes. Uns refuxiados que teñen unha regulación internacional que está saltando estes días polos aires; por un lado, positivamente: ante a invasión rusa e a guerra, a UE abriu —por razóns políticas, e non humanitarias— as portas aos ucraínos, concedendo papeis, atención sanitaria, libre mobilidade e dereito ao traballo, algo sen precedentes na historia europea.

Exemplo contrario témolo no sucedido o pasado 24 de xuño en Melilla, no valado que nos separa de Marrocos, no enésimo intento de cruce de subsaharianos e asiáticos que foxen da miseria e de guerras esquecidas. No intento, a policía de Marrocos, agora fiel aliado do Goberno español trala traizón de Pedro Sánchez e o PSOE aos saharauís, actuou con violencia criminal co resultado dun masacre —máis de 30 mortos— cualificado por Sánchez como asunto «bien resuelto», palabras que oxalá persigan a súa conciencia.

Abrimos as portas aos refuxiados louros, de pel branca e ollos azuis; pechámolas e aplicamos violencia aos refuxiados de pelo rizado e pel negra. Racismo?