Vox non mente

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

Rafael Madero | EUROPAPRESS

06 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O bo de Vox é que non enganan a ninguén. Dentro dun clima político no que se asume con normalidade que «todos os partidos políticos menten», Vox aparece coa verdade por diante. O que queren facer con España, co Estado das autonomías, coa meirande parte das leis que nos deron progreso e nos igualaron a Europa, está claro. Non menten. Son directos. Transparentes.

Vox, se goberna ou está en posicións de goberno, fará o posible por cargarse, e así hai que dicilo, o que hoxe entendemos por democracia en España; é dicir, un sistema, aínda que imperfecto, no que as diferenzas que hai dentro do Estado teñen unha certa cabida. Malia que ocupan, e cobran, por cargos nas autonomías (caso de Castela e León), explican que queren volver ao Estado centralista, que todo pase por Madrid, que todo se decida no centro, para eles (e para Ayuso), a quintaesencia da españolidade españolista mucho española.

Non enganan, non. Se gobernan farán o que prometen, a saber, eliminar as leis de violencia de xénero, para eles berce de chiringuitos de feminazis porque, xa saben, para eles a violencia machista non existe. Non deben ler os xornais pola mañá. Ou deben estar noutro mundo. Porque a violencia machista existe e así está recoñecida pola ONU e por todas as lexislacións dos países modernos e de tradición democrática. Pero claro, eles saben que teñen a Verdade, así, con maiúsculas, e o resto dos países da cultura occidental (agás Hungría, Polonia, eses sitios onde a ultradereita xa está gobernando) están trabucados. Así que eliminarán esas leis que protexen ás mulleres do patriarcado. E xa, de paso, acabarán coa lei de memoria histórica, porque, total, iso de procurar cadáveres nas cunetas e darllo ás súas familias e tal, todo iso é de roxos progres antiespañois.

Vox vai coa verdade por diante. Como co asunto das pistolas. Díxoo Abascal: hai que permitirlle a cada español (non sei se van incluídas as españolas) poder ter un arma, dixo el, «para defenderse de los ladrones». Imaxino que se refire só aos que che poden dar o pau pola rúa e non aos que meten a man nas arcas públicas, deputados ou reis. Debe de estar pensando nos menas, nos menores non acompañados que, segundo el, son os culpables de que a túa avoa non cobre unha pensión digna.

Vox non mente. Atacarán o galego, ou sexa, esa lingua que falamos todos maioritariamente e que pola súa culpa, Espinosa de los Monteros dixit, o castelán case nin se fala en Galicia.

Non mente. Fálannos como se fósemos «persoas normais», como o outro día lle dixo o vicepresidente de Castela e León a unha deputada con discapacidade. Porque os normais, seica, son eles.