O tren

José M. García Sobrado DECOTÍO

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

26 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Escoitando unha vez máis a canción de Andrés Dobarro, lembrei a un ilustre galego: un dos fundadores do Partido Galeguista e promotor da primeira misa en galego en 1932, que foi tamén un dos creadores do Padroado Rosalía de Castro. Traduciu ao galego Los cuentos de Grimm y Platero y yo. En suma, un galego deses que poderíamos dicir que xa non se fabrican moitos. Refírome a don Manuel Beiras García, o pai de Xosé Manuel Beiras.

Alá polos anos oitenta do século pasado tiven o privilexio de asistir a diversas actividades do Clube Nacionalista Alén Nos, que era un grupo de debate que tentaba estruturar un galeguismo asumible como fórmula política. Asistía eu convidado por un gran amigo, que foi o seu fundador e o seu primeiro presidente, Luciano García Alén, quen contou coa colaboración de Perfecto Yebra Martul-Ortega para asumir o secretariado. Foron os primeiros integrantes do clube Xosé Manuel Barreiro, Xesús Couceiro Rivas, José Manuel García Iglesias, José Antonio Gómez Segade, Xosé Manuel González Reboredo e María Luisa Sobrino Manzanares.

A calidade e as cualidades das actividades do clube foron moi importantes, e foi unha mágoa que non se chegaran a desenvolver en realidades prácticas no eido político. De maneira manifesta, influíron moitos intereses alleos ao interese de Galicia que o impediron.

Pois ben, nunha desas actividades, concretamente nunha cea coloquio no hotel Araguaney en Santiago, aquel día participaba Carlos Garaikoetxea, quen viña expoñer o seu proxecto para Euskadi. Alí compartín mesa e mantel con Manuel Beiras García e, ao longo da conversa, púxome un exemplo do que el entendía que debía ser a política na nosa terra para o desenvolvemento dunha vez por todas de Galicia.

Utilizou o tren como metáfora, dicindo: é coma se todos os partidos políticos e grupos galeguistas decidisen facer unha excursión a Vilagarcía para ir á praia. Contrataríase unha composición cunha soa máquina, porque o destino e a finalidade é a mesma. En consecuencia, cada grupo contrataría un ou varios coches (os vagóns son para as mercadorías). Deste xeito, cada un iría cos seus, pero nunha soa composición cun mesmo destino e finalidade. Iso era o que se requiría, dicía el, neste intre en Galicia, no canto de andar espallados. Ese mesmo exemplo sigue estando vixente hoxe en día. Cada quen anda coas súas teimas, sen conformar unha unión polo ben de Galicia.