Acabou o día, mais non a romaría. Queda moito que sachar. Non nos vai chegar todo maio, por iso é bo enfrontarse ás encomendas con altura de miras, como proxectos a longo prazo.
Foise o día das letras e... queda todo por facer. Vou seguir chiando en galego, falando en galego, lendo en galego, soñando en galego. Vou continuar contándolle a toda a rapazada coa que convivo que ter unha lingua propia é ter un tesouro. Fíxeno moito esta tempada, porque me preguntaban polo Día das Letras Galegas. Sorprendeume que non soubesen que pasaramos polos séculos escuros, nin que nos salvara (a piques de perder parte da nosa identidade) o Rexurdimento.
Contar a historia é absolutamente necesario. Se o Día das Letras Galegas se presta para facelo, por que non? Mais non esquezamos os outros do ano, que son moitos e dan para pensar, organizar, facer e falar.
Eu festexo o 17 de maio, mais traballo polo noso día a día. Saco a lingua a pasear, con total naturalidade. Trátase diso, de sacar a lingua, de usala.
Dariamos os mellores bicos cunha lingua que non fose a nosa? Non! Poñamos, daquela, todo o amor no que construamos e fagámolo a través da nosa fala.
O idioma, ademais, posúe esa gran calidade máxica que fai que, canto máis o usamos, menos se gasta. Eu diría que loce máis lustroso aínda.
Así que eu, sácoche (máis ca bótoche) a lingua, a ver se tiro pola túa. Iso si, fágoo cun sorriso e co maior dos respectos, xa que tamén agardo o mesmo. Porque a miña lingua, a que dá bicos, fala desde o corazón.