Espías

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

DADO RUVIC | REUTERS

11 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito nos gusta saber da vida dos demais. Do ruxerruxe, ese mirar sen que nos vexan, observar, fabular e... Vaia, coma se non tiveramos suficiente que amañar na nosa casa que imos á do veciño a ver que cocen nela.

Non debera, por tanto, sorprendernos esta onda de espionaxe. Nin pola nosa idiosincrasia nin pola sociedade na que vivimos. Hai tempo que me asustan os algoritmos que dominan o universo cibernético. Un día ocórreseche ver unha nova sobre vampiros e automaticamente aparecen, desde entón, novas relacionados con Drácula e outros chupa-sangue cada vez que se che ocorre abrir o correo electrónico ou a prensa dixital. Ou calquera aplicación. Non só desde o dispositivo no que miraches a devandita nova, senón en calquera aplicación que utilices nos aparellos habituais. Nas redes sociais van aparecendo persoas que xamais viras antes, pero que teñen un estilo tétrico... Multiplícanse as conexións con eles.

Que pasa aquí, ou aí ou... no limbo? Quen nos espía? Síntome vixiada continuamente. Non é brincadeira. E esta non é máis ca outro xeito de polarizarnos. Se nos interesamos por un tema, bombardéannos con el, facendo que nos signifiquemos máis coa causa.

Menos mal que a min se me dá por facer buscas no que me resulta descoñecido. Ata me vai axudar a corrixir a miña ignorancia, con tanta información ao respecto. Mais... que pasa cando miramos aquilo que nos apaixona por riba da razón? Máis perigosa que a espionaxe é a manipulación. E desa, aínda non somos conscientes.