Áloe vera

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Era unha planta sobrenatural. Daba gusto vela na terraza do Paco Mariló e da Malucha. Na entrada da casa. Eu quedei impresionado a primeira vez que a vin. Tanto que non me atrevín nin sequera a tocala. Metro e medio de alta. Follas anchas. Lanceoladas e con dentes duros: espiñas, como cravos, que advertían da súa fortaleza. Daba gusto mirala. O Mariló estaba moi orgulloso daquela planta. Hai algúns meses, cando a Malucha marchou de vacacións cos netos, ensinoume aquel fermoso exemplar. «Áloe vera, neno, mireino na internet». Eu fixen o mesmo ca el. E si, coincidía. Áloe vera. Por iso aquela semana de vacacións, cando o Mariló quedou só na casa, eu dediqueime a regala as noites que me invitou a cear. Mentres o Mariló cociñaba («vas comer ata a pota», díxome mentres botaba aderezos a un coello que parecía un cabrito), eu collín unha regadeira e boteille auga á planta. O Mariló díxome que el facía o mesmo cada xornada. Regar o áloe vera. Para que a Malucha, cando regresase das vacacións, non tivese nada que dicir. «Temos que demostrar que podemos coidar de nós mesmos, que todo funciona aínda que quedemos sós». «Tes razón —contestei—, somos homes independentes que sabemos facer as cousas da casa». «Home claro, Caneiriño». Foron pasando os días e daba xenio ver como tiña todo o Mariló: limpo, colocado… e coas plantas con mellor aspecto que nunca. O día do regreso, o Mariló tiña un ramo de flores para a súa muller. «Todo no seu sitio. Todo en orde». A Malucha felicitouno. Sacouna á terraza. O Mariló sinalou o áloe vera. «Parece que remocicou, regueina todos os días». A Malucha botou a rir. Dixo: «Pero non ves que é de plástico, Paco!». Era unha planta sobrenatural.