O tranvía

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

21 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaia semana nos deu o Julito do Salgueiro. O seu asunto predilecto son as motos, motores, os tranvías e Barcelona. O luns comezou coa historia da Montesa Impala e acabamos falando de Mercedes Milá. Por que? Porque, segundo o Julito, Leopoldo Milá —o creador da Impala— era o pai de Mercedes Milá. Consulteino. Mentira. A señora Milá é filla do avogado José Luis Milá Sagnier e sobriña do deseñador industrial que fixo posible a Montesa Impala. Unha confusión tena calquera. Porén, o Julio seguiu co asunto. Envioume ducias de mensaxes que falan dos motores e de Barcelona (temas recorrentes), tamén dos tranvías. Machácanos coas súas parolas. Dende as caldeiras ao carburador, do gasoil ás bombas de inxección, da catedral barcelonesa ao barro do Raval. Poño un exemplo: «Maquitrans, Maquinaria e elementos de Transporte, durante os anos corenta constituíuse esta empresa, filial de Tranvías de Barcelona. Vós non tedes coñecementos, nin de Barcelona nin de motores». Quixemos acabar co asunto e pedímoslle por favor que deixara de monologar. Non había maneira. Se falamos de fútbol, el acaba parolando do autobús que leva aos futbolistas do Barça. Se dicimos que chove, el di que nas Ramblas na invernía corren ríos de auga. Se o Bernardo comenta o seu pasado deportivo en L'Hospitalet, o Julio asegura que el non coñece Barcelona nin as primeiras motos que corrían pola Diagonal. Non sei como nin por que acabamos discutindo de arte. Dalí, Picasso, Tápies. Non lle demos pé ao Julio para que falase de motores. Ata que o Juan Ramón citou a Gaudí. O Julio tomou a palabra: «Sabedes como morreu Gaudí?». Todos calamos. «Matouno un tranvía». E volta a empezar. O do Salgueiro acaba con nós.