Equilibrios

OPINIÓN

20 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días en que nos volve golpear o asasinato de mulleres, leo que un vinte por cento da mocidade cre que o da violencia machista é algo ideolóxico. Son datos que asustan, pero non podemos botarlle a culpa só á extrema dereita na súa teimosa cruzada contra o feminismo e moitos dereitos da muller que xa criamos consolidados. Eses discursos simples e, aparentemente, disfrazados dun populismo delirante que atopan palabras como violencia intrafamiliar para negaren unha realidade exclusiva e dramática, é certo que van deixando un pouso sucio na sociedade que empurra estes datos tan desoladores. Mais sería ridículo pensar que detrás destas porcentaxes non estamos nós. Hai xa uns anos, un compañeiro dixo que el nunca podería estar cunha muller que gañase máis ca el, porque así non podía manter o equilibrio de parella. Aquilo parecérame algo machista e tamén ofensivo, porque eu estaba nesa situación. O terrible do asunto é que ese compañeiro era profesor e non traballaba con ferro ou cemento, senón cun material moito máis sensible como é a educación do alumnado. Sei que estas actitudes nos claustros son fabas contadas, pero tamén as hai e convén ridiculizalas porque os exemplos da casa e da escola son moito máis influentes que as palabras mediáticas dunha presada de energúmenos que atoparon un espazo na política e, por desgraza, no paraugas da democracia. Neses espazos de certa intimidade, como pode ser o salón dunha casa ou o estrado dunha aula, cómpre sementarmos un futuro diverso e igualitario que esmague para sempre esa violencia machista que tanto doe e mata. Só así xurdirán os verdadeiros equilibrios que nada teñen que ver con aqueles dos que falaba o meu compañeiro, a quen, por certo, xa hai tempo que o abandonou a muller.