Quen coida da saúde mental nos centros educativos?

María Rosa Álvarez Prada DECANA DO COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA

OPINIÓN

06 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que a saúde mental da rapazada empeorou nos últimos anos é algo evidente. Chégannos mensaxes de alerta desde as familias, os centros educativos ou dos profesionais da sanidade. De feito, a Administración pon en marcha accións coas que atendela: plans de benestar emocional, coordinadores de benestar... Exemplos de neolinguaxe acrobática, que causan fascinación cos seus espectaculares anuncios, pero que tan pronto un se mete en materia descobre que se pretende cortar unha hemorraxia grave con tiritas.

Esas novas figuras, plans, programas e protocolos veñen cargados de moitas intencións e escaso (ou nulo) persoal. Deixan na man da propia Administración a decisión de se incorpora profesionais específicos para a atención emocional ao alumnado ou se tira do persoal docente que xa forma parte do centro. É fácil de prever o que acontece.

E eu pregúntome: será que non existe un perfil profesional adecuado para atender a saúde psicolóxica dos seus fillos e fillas? Para min que había alguén que se dedicaba a isto, pero xa vin tantas denominacións curiosas que me entran dúbidas. Coordinadores do benestar, educadoras emocionais, instrutores, adestradoras, xestores... Voltas e reviravoltas para non asumir unha responsabilidade que é clara: cómpre atender as necesidades psicolóxicas do alumnado e do profesorado.

Se a Administración sabe que se necesita psicoloxía nos centros de ensino, por que non se atreve a incorporar psicólogos e psicólogas? Profesionais que traballen na integración dos nenos e nenas con dificultades, que puidese realizar accións de prevención en cuestións como as adiccións, o uso das tecnoloxías, a violencia de xénero, os trastornos alimentarios... Unha figura de referencia e cualificada para atender cando manifestan sentir ansiedade, cando aparecen comportamentos como as autolesións, para previr condutas suicidas ou o acoso escolar.

Que frustración sinto ao ler as páxinas do xornal cando se fala da pandemia da saúde mental da xente moza, sen que se asuma a responsabilidade por parte de quen ten a obriga de proporcionarlles atención psicolóxica nos centros educativos.

Non hai que inventar a roda. Deixémonos de ideas pretendidamente innovadoras que só serven para enmascarar a inacción política; son parches inútiles. Hai un perfil profesional que está cualificado para asumir esta tarefa e o seu nome vénnos da mesma Grecia clásica. A psicoloxía educativa é unha necesidade urxente nos centros. Estamos fallándolle á nosa xeración máis nova e non podemos permitirnos seguirlles chegando tarde.