«A Santiña» de Asorey

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

ASOREY

En maio de 1990 viaxei por primeira vez a Arxentina e Uruguai, vieiros obrigados para falar da Galicia contemporánea, e tiven a honra de visitar a sede institucional da Casa de Galicia en Montevideo, institución de carácter social e mutualista que naceu en 1917, que deu asistencia a centos de miles de emigrantes nosos e chegou ser unha das asociación máis activas, xunto co Centro Galego de Buenos Aires. Seica agora pode ter os días contados. Proceso semellante á súa irmá arxentina, que vive unha crise profunda dende hai anos.

No andar principal, na antesala dos despachos da presidencia, está A Santiña, a escultura do mestre Asorey, que a institución mercou en 1951, encarnación simbólica da Terra: toda a forza e a significación de Galicia representada nesta figura de muller espida que leva ao lombo, coma una cruz, mais tamén coa grandeza toda do traballo, a canga ou xugo para xunguir os bois e a vara para tanguelos no labor de abrir os sucos da sementeira. Estremecedora metáfora que nos interpela. Unha muller nova, non abaixada, chea de vida, co pano que levaban as nosas nais labregas na cabeza. Mais espida, o que lle dá unha forza especial reafirmada na tensión da musculatura, na beleza primitiva dos pés e das mans, da expresión e na luz do seu rostro. Todas as figuras femininas de Asorey teñen forza, pero esta transmiten algo diferente.

A grandeza do traballo e, ao mesmo tempo, unha homenaxe á muller (nai, filla, esposa, amante) que terma da vida e da memoria, da casa e dos eidos, do que deixamos atrás (os homes camiño da emigración) e do que poidamos transmitir aos que quedan. «Viúvas de vivos», que escribiu Rosalia de Castro en Follas Novas (1880). Francisco Asorey presentou a talla de madeira, case dous metros de altura, na Exposicion de Belas Artes que se celebrou en Madrid en 1926. Nela participaron tamén Francisco Lloréns, Castro Gil, Federico Ribas, Fernando Sobriño, Nestereira, Bonome…, entre outros artistas galegos. Seica a escultura de escandalizou un pouco. Atrevida de máis. Demasiado explícita.

Os galegos tivemos ocasión de contemplala coma una peza moi singular na exposición Galicia, un relato no mundo (2019-2020), comisariada por Manuel Gago na Cidade da Cultura. Igual que A derradeira lección do mestre de Castelao, que está custodiada no Centro Galicia de Buenos Aires, a Santiña de Asorey é un dos grandes referentes artísticos do patrimonio da Galicia exterior, esa Galicia que hoxe atravesa dificultades que debemos contemplar e na medida do posible asistir, por elemental xustiza, pois forma parte da nosa memoria colectiva. As nosas institucións (o Goberno galego principalmente) teñen obriga moral de actuar nestas cuestións, das que haberá ocasión de falar máis de vagar: o patrimonio documental, as bibliotecas, obras de arte de todo tipo, mesmo instalacións inmobiliarias que naceron do esforzo dos nosos avós e son froito desa Galicia, que segue viva.