A verdade de Will Smith

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

02 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Con sete e oito anos, raro era o día que non chegaba a casa cun ollo empatacado ou co nariz como un pemento morrón, despois de darme de labazadas con algún cativo que me chamara «fillo de puta». Zorregáballe un día a un cando apareceu o anxo pacificador, alto, fraco, como de cincoenta anos, que me berrou: -Eh! Por que lle pegas? E eu, cheo de razón: -Porque me chamou «fillo de puta». Contaba coa súa comprensión, pero retrucoume: -E que? Tamén cho chamo eu: fillo de puta! A ver, pégame a min. Abraiado, empecei a chorar e a apañar pedras do chan, mentres o pacificador tatexaba: -Oe, que vas facer? Non se che ocorra! Cando quixen ollalo xa desaparecera nun portal e pechara a porta. O cativo que pelexara comigo sentiu non saber en que piso vivía porque poderiamos romperlle a croiazos un par de xanelas. O meu barrio era así e as nosas nais, o máis importante e querido do mundo.

Despois da agresión de Will Smith a Chris Rock na entrega dos Óscar foron tantos os sociólogos, sicólogos, politólogos, barruntólogos e demáis gremios do amplo eido dos profundólogos que falaron do xen do machismo, da masculinidade fráxil, dos inaceptábeis códigos morais do patriarcado, que me vexo na obriga de poñer luz nas tebras dando a coñecer a única e verdadeira razón do reaxir violento do actor: Will Smith pasou a raia, meteu a pata, perdeu os estribos, os papeis e a cabeza porque é un calzonazos. Si, un calzonazos. Na pantalla pode ser un heroe, pero na casa é un calzonazos. Por que o sei? Porque se ve no vídeo da agresión a Chris Rock e neste caso as imaxes valen por miles de palabras. Cando o presentador dixo a Jada Pinkett: -Jada, quérote. Tárdame verte en A teniente O'Neil 2, relacionando o pelo rapado de Jada co do personaxe que interpretara Demi Moore, todo o auditorio ría e Will Smith ría tamén. Riu ata ver que a Jada lle fixera dano o chiste. Nin Chris Rock, nin o público que ría sabían da anguria que a muller está a pasar cunha alopecia que non cura; pero el sábeo e riu, e Jada viuno. Na casa recriminaríao: -E ti rindo! Cumpría desfacer o entorto xa e dun xeito enérxico, así que, ademais de largarlle a labazada ao presentador, berroulle que quitase o nome da muller «da súa puta boca». Calzonazos perdido.

Pablo Motos deberíalle regalar, con tradución ao inglés, o vídeo no que El Fari fala de «el hombre blandengue». A risa fai milagros e, aínda que a Will non lle fixese graza, Jada riría tanto que podería curar a un tempo a depresión e a alopecia. Eu probaría.