Concellos e solidaridade

OPINIÓN

24 mar 2022 . Actualizado a las 13:29 h.

Ante a invasión rusa de Ucraína, e a traxedia humanitaria, a resposta da sociedade española está sendo encomiable. En Galicia, de Vigo a Cedeira ou de Barbadás a Muxía, agroman iniciativas solidarias: concentracións contra a invasión rusa, envío de axuda humanitaria e acollida de refuxiados.

As concentracións a prol de Ucraína deben aplaudirse; nas outras dúas categorías deberían seguirse as orientacións que está a facer a Fegamp e a súa rama solidaria, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Estas dúas entidades, co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta e a Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento, piden aos concellos ter a cabeza fría e emprender accións responsábeis. Non é ese o caso do acopio anárquico de alimentos, medicamentos ou materiais de cura (como o etanol, que se reúne ignorando os seus riscos como inflamable), que non entrarán en Ucraína e poden terminar en Polonia nun almacén, ou incluso nun vertedoiro. Algo similar podemos dicir das viaxes á fronteira polaca, ás que se apuntan intrépidos alcaldes, a recoller refuxiados, sobre todo mulleres e nenos, nunha especie de bazar sen garantías, como ven de denunciar ACNUR (Comisionado da ONU para os refuxiados), nas que non participarán entidades que xa acollían nenos da zona como Ledicia Cativa.

En todo caso, é esta unha oportunidade para que todos estes concellos solidarios se unan ao Fondo Galego, pois hoxe, dos 313 que hai en Galicia, só hai 100 adheridos. No caso das deputacións, das catro existente só a de Ourense é a ovella negra. A pertenza ao Fondo Galego non é moi onerosa: apenas 1 euro por persoa e ano, isto é 10.000 euros para un concello de 10.000 habitantes, apenas unha fracción do que costa asfaltar unha pista remota.

O Fondo Galego naceu hai case 25 anos nun esforzo de varios concellos, tendo en Xulio Ríos —hoxe afamado sinólogo— e o seu Igadi, un centro de estudos do exterior nacido en Baiona (hoxe radicado en Pontevedra) e na Fegamp, entre outros, a enerxía do proxecto. Así, conseguiuse traballar pola cooperación internacional, facilitando o desprazamento de empregados locais, e facendo un meritorio labor de concienciación.

Aquí quero lembrar a Alfredo Novoa, recentemente falecido, que desde Oleiros impulsou de forma decidida o Fondo Galego, que presidiu durante 14 anos, e co que compartín traballos e afáns por unha Galicia solidaria.