Guapas e caladas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Salvador Sas

15 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosa, a irmá de Déborah Fernández leva vinte anos loitando por saber que pasou. Un asasinato non debera, nunca, quedar impune ou sen resolver. Non imaxino irmá mellor, acompañándoa incansablemente, dándolle voz.

Claro que iso pode ser un problema. Hai moito silenciaron a Déborah e Rosa tomou a palabra polas dúas. Desde entón berrou, pregou, falou alto e tamén baixiño, indagou, cuestionou... Tamén soubo gardar silencio, pero non calou. Porque a busca da verdade non pode apagarse.

Vinte anos despois do asasinato, chaman a declarar á ex-parella de Déborah. Á marxe da implicación que poida ter, non hai dúbida de que era unha persoa moi próxima á vítima. Podería achegar datos ou información relevante en calquera caso.

E iso foi xusto o que Rosa lle dixo ao agora investigado ao chegar ao xulgado, que tiña a oportunidade de falar, de dar a súa versión. Non respondeu, nin falou logo no interrogatorio. Pero houbo quen respondeu por el. O avogado berroulle a Rosa que caladiña estaría máis guapa. Se en lugar de ser a irmá de Déborah fose o seu irmán, recibiría a mesma resposta? Dubídoo moito. A linguaxe adoita ser empregada en contra da autoestima das mulleres. Queren meternos o medo no corpo como sexa. Iso é violencia verbal. Déborah era moi guapa, e calárona. Mais ten quen fale por ela. Non. Non estamos máis guapas caladas. Iso é o que pretenden que interioricemos. Atácannos gratuitamente por sermos mulleres. Queda tanto por facer... Estamos inmensamente mellor se temos a palabra.