É imposible non sentir vertixe cando unha se para a pensar en todo o que está a pasar no mundo. É imposible non sentir rabia cando unha se decata de que desde aquí, desde o meu cómodo sofá, non podo facer nada máis que laiarme e asistir impasible á realidade dos múltiples conflitos que asoballan á humanidade. É imposible non pensar que creamos a ilusión de que a pandemia ía ter polo menos unha consecuencia positiva: facernos mellores cidadáns, mellores persoas. E aquí estamos de novo, no mesmo lugar que estabamos, vendo desde as nosas casas o sufrimento extremo dos que arriscan as súas vidas para refuxiarse da morte.
Quizais o peor de todo non sexa non saber nin que facer, senón sentir que todo iso está tan cerca de nós que xa non queremos nin velo. Xa aprendemos a mirar cara outro lado a propósito (como cando pola rúa vemos a alguén que sabemos que nos vai pedir esmola) e quizais iso sexa o máis preocupante.
A onde chegaremos con esta enésima onda de violencia? Cara onde nos levará este último conflito? E que diferenza hai cos conflitos que non vemos, ou que non queremos ver, ou que aprendemos a non ver? Hai medios que cuestionan a idea dunha terceira guerra mundial; hai outros medios que simplemente miran cara outro lado. E logo estamos os que non temos moita idea do que significa todo o que está a pasar, pero que sentimos o medo de saber que nin o poderemos controlar nin poderemos facer nada se todo isto escala cara un conflito global.
E entón comezo a matinar sobre cal é o noso papel na sociedade, sobre que podemos aportar para facer que o noso paso polo mundo non deixe só mesquindade... Esa é a miña pregunta, que podemos facer nós?