Estaba absorta buscando algo nun mapa. Achegueime e pregunteille que facía. «Aquí está Ucraína. Nós... Onde?». Iso era o que buscaba a miña nena, que ten oito anos. Na casa evitamos que vexa demasiadas imaxes da guerra, pero é inevitable que vaia recollendo información dun ou doutro xeito. Oe, pregunta, busca datos.
Explicarlle o porqué da ofensiva a unha nena da súa idade non é sinxelo. As guerras non deberían existir, nunca hai unha razón o suficientemente poderosa que as xustifique. Nunca. Pero a realidade é que estoupan.
O mundo é así de inxusto e dáme moita pena que o vaia descubrindo desta maneira tan abrupta.
Está preocupada e sente medo. Non lle parece que habitemos nun lugar seguro.
Pídolle que pense na solidariedade, na cantidade de axuda desinteresada que se está movendo ao redor de todo o planeta. Iso di moito da humanidade. Intento que os seus pensamentos se dirixan nese sentido.
Párteme o corazón que me diga que non é suficiente. Non comprende como unha soa persoa (ou un grupo moi reducido) pode mandar tanto, en contra dos sentimentos dunha inmensa maioría.
Fai moitas preguntas. Como saben os presidentes o que queremos? Se son quen nos representan... Por que deciden cousas que non nos gustan? Ten máis forza o malo ca o bo? Na balanza non hai equilibrio. Un pouco de mal nun lado, un monte de boas intencións no outro. E o prato que cae é o primeiro.
Nada me gustaría máis ca dicirlle que non é así. Pero as palabras quedan atascadas no medio da gorxa. Como as bágoas.