Agochar o horror

OPINIÓN

UKRAINE MILITARY

10 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas guerras é importante a construción dun relato que xustifique diante da poboación ese acto de forza para impoñer a vontade ao adversario. De aí que unha arma moito máis poderosa que calquera mísil sexa a da información e a propaganda. A historia de todos os conflitos está cargada de exemplos que confirman ese desexo de control sobre calquera fluxo de noticias que poida influír na opinión da poboación. Esta estratexia de propaganda tamén acolle a desinformación, que ten uns obxectivos semellantes. Velaí as actuacións do Kremlin, que non se conforma con deter activistas e manifestantes rusos en contra da guerra, senón que opta por avisar a medios de comunicación rusos para non difundan outras noticias sobre o asunto que non sexan procedentes das fontes oficiais do Goberno. Nesta ameaza mesmo expoñen unha serie de sinónimos bélicos como invasión ou ataque que non se deben usar. Porque hai verdades que non se poden saber e ningún ruso debe ver nada truculento. A televisión rusa seica emite coma un día calquera, coma se ninguén estivese a morrer e as tropas apenas estivesen tenteando o terreo ucraíno. E si, Putin poderá controlar os medios en Rusia, mesmo os independentes, restrinxindo o acceso ás grandes plataformas como Facebook, Instagram ou Twitter. Mais o que estará fóra do seu alcance será agochar a barbarie dunha guerra inxusta, porque, a falta de reporteiros no campo de batalla, sempre haberá posibles vítimas que arrisquen a vida para gravar sobre o terreo o horror cos seus móbiles e construír pacificamente outro relato que contrarreste a narrativa do invasor, xerando un consenso no mundo, tamén para unha parte da poboación rusa, sobre quen é o maior culpable desta cruzada imperialista de consecuencias imprevisibles.