Amor e odio

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

VALENTYN OGIRENKO | Reuters

04 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A frase era algo así como: «Só protexeremos o que amamos», e o contexto era o oceanógrafo Jacques Cousteau adiantándose varias décadas á conversa sobre o medio ambiente, abríndolle os ollos ao mundo á beleza das cousas que aínda non viramos, como a vida submarina.

O caso é que esa frase calou en min. Esa idea de que «protexemos o que amamos» fíxome pensar nos diferentes xeitos que temos de amar pero tamén de odiar. Porque, como é posible que o ser humano teña a capacidade de amar e protexer e ao mesmo tempo a de odiar e destruír?

Os acontecementos destes días lémbrannos que ninguén está libre de odiar ou ser odiado, que o odio está arredor de nós, e que se o deixamos facer, se o nutrimos ou deixamos crecer, a idea dunha guerra, de súpeto, non semella tan distante.

Ucraína, Siria, Palestina, Líbano, Afganistán, Libia... a lista é infinita, e nós miramos cara outro lado, coma se iso nunca nos fora a pasar a nós. Non só non protexemos, senón que tampouco somos capaces de ver que non estamos tan lonxe das realidades de conflito, pois o conflito comeza co odio, e por desgraza hai unha parte da nosa sociedade que xa cultiva o odio con paixón, nos medios, nas rúas, na vida.

Entón volvo a Cousteau, á súa curiosa idea de crear unha cidade baixo o mar, e á reflexión de que incluso alí acabariamos os uns cos outros... Pero quero pensar que sempre nos queda a cándida esperanza de que, algún día, o amor gañe a batalla ao odio e deixemos de querer dominar, de querer ter poder, de querer ser máis, para que así a xenerosidade, a empatía, a curiosidade por amar o que aínda non coñecemos tomen o relevo e nos axuden a deixar de orixinar guerras, inxustizas e asasinatos...