Unha pena tan grande

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

BERNADETT SZABO

28 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sinto unha pena tan grande... É a sensación que me deixa esta guerra. Non só porque se produza, tamén porque, no fondo, non é moita sorpresa. E iso magóame. 

A estas alturas da evolución... Unha guerra? De verdade? Todos sabemos que non é necesario, nin xusto, nin merecente de cualificativo positivo. É unha tristura inmensa.

Acosan a cidade de madrugada, cando o silencio e a negrura estenden o seu manto terrorífico sobre os inocentes. Todo, actos desprezables.

Non pode ser que esteamos a vivir isto, mais é, porque levamos demasiado tempo permitíndonos unha violencia excesiva. Diría que a todos os niveis. Quizais non sexa exactamente así, pero, en todo caso, é desmesurada. O mal leva por diante o ben. Deixámosllo facer. Dá igual o interese político, económico... da índole que sexa. Nada pode estar por riba da seguridade dos cidadáns.

As familias corren aterradas a refuxiarse nas estacións de metro. Meterse baixo terra. A risco de quedar sepultados. Mais é, quizais, a única saída, meterse nun tobo. Que paradoxo.

Mentres, quen deseña estas guerras desapiadadas, faino comodamente desde un asento ergonómico nunha oficina con calefacción e aire acondicionado, gozando de todos os luxos e carente de escrúpulos. Coma se non fose con el, coma se non lle afectase...

Quizais non lle afecte. Que fonda tristura chegar a pensar na humanidade nestes termos, coma se ela mesma se fagocitase. É a destrución de propio concepto, unha guerra contra nós mesmos. Un auténtico fracaso. Total e absoluto.