Legalidade manda

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

12 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando no verán souben que compañías eléctricas baleiraran varios encoros, catro deles galegos, pasei nun santiamén do abraio á carraxe e sentinme o comandante Cousteau, Félix Rodríguez de la Fuente, mariñeiro do Greenpeace e activista de Ecoloxistas en Acción, todo nun. Eu, que levo media vida aprendendo aos nenos da familia que a auga é un ben escaso, e predico co exemplo, non podía entender aquel acto de barbarie ecolóxica. En que país estamos? Preguntábame, irado: volvemos ao capitalismo salvaxe, á España negra? Ata cando seremos a ovella negra, o buraco negro de Europa? Meses pasei sen vivir en min ata que, en xaneiro, o Ministerio de Transición Ecolóxica liberoume da agonía ao declarar que as empresas non infrinxiron a lei e o baleirado foi legal.

Non me recuperara do pasmo cando outra nova me deixou ao borde do KO. Levaba nove anos arrepiado pola canallada que a exalcaldesa de Madrid Ana Botella e varios membros do seu goberno fixeran, en 2013, ao venderen 1.860 vivendas sociais a dous fondos voitre por 25 millóns menos do valor real e deixaren os veciños desvalidos ante os novos propietarios, que aumentaron o aluguer nun 49 %. Á querela da asociación de afectados sumáranse o PSOE e o goberno municipal de Manuela Carmena, e, en Nadal do 2018, o Tribunal de Contas condenou á ex alcaldesa e a sete concelleiros a pagar 28 millóns de euros por responsabilidade contable. Parecérame pouco. Pensaba nos vellos con pensións raquíticas, obrigados a deixar as vivendas, e renegaba dos dirixentes fariseos do PP que van ás igrexas e danse golpes de peito, xordos á admonición do Nazareno: «Ai de vós, hipócritas, que devorades as facendas das viúvas e borboriñades longas oracións! Vós recibiredes o peor castigo». Pero tiven que tragar o meu veleno e entoar humildemente o mea culpa porque os condenados recorreron, o Goberno municipal de Martínez-Almeida retirou a denuncia e, hai catro días, a Audiencia de Madrid arquivou a causa e declarou inocentes os acusados. Todo fora legal e legalidade manda.

O 2021 despediuse confirmando algo que xa sabiamos: o custe asumido polo Estado, hai unha década, no rescate do sector financeiro é de 101.000 millóns de euros que, malia as promesas recibidas, non vai —non imos— recuperar. Un informe da Asociación de Geógrafos Españoles sobre a xeografía do malgasto en España estima que nas dúas últimas décadas investíronse máis de 80.000 millóns de euros en infraestruturas innecesarias —aeroportos sen avións, liñas de alta velocidade que non van a ningures porque quedan a medio camiño—, obras faraónicas como a nosa Cidade da Cultura e sobrecustes inxustificados. Desvergoña, tolería, corrupción?