Compostela 93, Xacobeo 93

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. ESTÉVEZ

12 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O empeño municipal por poñer Compostela na rede de cidades europeas a través da potenciación do Camiño de Santiago vén de lonxe. Os primeiros fitos serían a bandeira de honor do Consello de Europa en 1982, o premio Europa e a inclusión na lista do patrimonio mundial da Unesco en 1985. O convenio para a promoción do Camiño entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas do norte, no que traballamos intensamente cun entusiasta equipo de estudosos, asínase en 1987, cando o Camiño é declarado polo Consello de Europa primeiro itinerario cultural europeo.

O seguinte paso municipal foi a refundación do Real Patronato de Santiago, que se reúne en xuño de 1991, acorda crear o Consorcio da Cidade e aproba o programa Compostela 93-99. A Universidade e a Igrexa están presentes e verán apoiadas as súas propias iniciativas.

A misión do Consorcio era desenvolver proxectos urbanos e de restauración e rehabilitación da cidade histórica, xunto con políticas culturais deseñadas para poñer Compostela no mapa mundial, no ronsel das Olimpíadas e a Expo 92.

Como viñan de concretarse as transferencias en materia de cultura e patrimonio, non foi doado convencer a Administración do Estado de que contribuíra co 65% aos programas do Consorcio. As bazas principais para logralo foron a condición de patrimonio da humanidade e a proximidade do ano xubilar. O Consorcio e o Real Patronato foran creados para fomentar políticas locais; o Xacobeo, promovido pola Xunta con alcance a toda Galicia, veu logo e desenvolveuse con éxito noutras poboacións. Os dous programas coordináronse eficazmente nun ambiente de cooperación entre administracións.

En decembro de 1992 preséntase o programa cultural Compostela 93, con máis de catrocentos eventos. O Consorcio achegaba o financiamento e da xestión encargábase o Auditorio de Galicia. Grandes orquestras e solistas, ópera, música contemporánea, raíces europeas, zarzuela, pop internacional, cantautores, música latina, jazz, bandas, teatro, danza, cine, exposicións, deportes, programas sectoriais como A Cultura vai por Barrios e Ferradura Aberta para os nenos,… todo aquilo que ilusionou e mobilizou a cidade e a Galicia e trouxo xente de todas partes.

O Concello tivo no tenente de alcalde Xosé Manuel Villanueva o coordinador ideal das relacións institucionais e a programación, á fronte dun eficaz equipo humano que convocou artistas, creativos, pensadores. A súa memoria exacta evitará que a haxiografía do Xacobeo 93 faga desaparecer a crónica verdadeira de Compostela 93.